Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19.00 h. de hoxe

Está xa estabilizado o incendio forestal do concello coruñés da Capela, parroquia homónima, que afecta arredor de 50 hectáreas do Parque Natural das Fragas do Eume

Quedou controlado esta madrugada o outro incendio forestal rexistrado na Capela, parroquia homónima, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unhas 30 hectáreas

Continúa controlado, desde ás 20.10 horas de onte luns, o lume do concello ourensán da Mezquita, parroquia de Manzalvos, que entrou desde Portugal e que afecta arredor de 50 hectáreas en Galicia

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 19.00 horas de hoxe.

A CORUÑA

Estabilizado A Capela-A Capela (Parque Natural das Fragas do Eume)

Desde as 18.18 horas de hoxe está estabilizado o incendio forestal do concello da Capela, parroquia homónima. O lume comezou ás 05.27 horas de hoxe e segundo as últimas estimacións afecta 50 hectáreas, todas elas dentro do Parque Natural das Fragas do Eume.

Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 3 técnicos, 15 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 avións e 5 helicópteros.

Controlado A Capela-Capela

Ás 0.55 horas de hoxe quedou controlado outro lume rexistrado neste mesmo concello da Capela, parroquia homónima, que se iniciou o domingo ás 04.06 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie dunhas 30 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 17 axentes, 25 brigadas, 26 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 4 avións.

OURENSE

Controlado A Mezquita-Manzalvos

Permanece controlado desde as 20.10 horas de onte luns o lume do concello da Mezquita, parroquia de Manzalvos, que entrou desde Portugal ás 07.18 horas do domingo. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada en Galicia é de arredor de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 16 axentes, 26 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 7 avións e 7 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 23/06/2026