Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09.30 h. de hoxe

Ás 21.05 horas de onte deuse por extinguido o lume do concello da Mezquita, parroquia de Manzalvos, que entrou desde Portugal e que finalmente afectou, en Galicia, unha superficie de 61,27 hectáreas

Está tamén extinguido un conato rexistrado na localidade de Ribeira, parroquia de Carreira, que afectou unha superficie de 0,01 hectáreas dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo

Continúa estabilizado o incendio forestal do concello coruñés da Capela, parroquia homónima, que afecta arredor de 50 hectáreas do Parque Natural das Fragas do Eume

Mantense controlado o outro incendio forestal rexistrado na Capela, parroquia homónima, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unhas 30 hectáreas

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 09.30 horas de hoxe.

A CORUÑA

Extinguido Ribeira-Carreira (Parque Natural das Dunas de Corrubedo)

Está extinguido desde as 00.18 horas de hoxe un conato na localidade coruñesa de Ribeira, parroquia de Olveira. Comezou ás 22.53 horas de onte e afectou unha superficie de 0,01 hectáreas dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 axente e 1 motobomba.

Estabilizado A Capela-A Capela (Parque Natural das Fragas do Eume)

Desde as 18.18 horas de onte está estabilizado o incendio forestal do concello da Capela, parroquia homónima. O lume comezou ás 05.27 horas de onte e segundo as últimas estimacións afecta 50 hectáreas, todas elas dentro do Parque Natural das Fragas do Eume.

Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 3 técnicos, 19 axentes, 29 brigadas, 24 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 avións e 5 helicópteros.

Controlado A Capela- A Capela

Ás 0.55 horas de onte quedou controlado outro lume rexistrado neste mesmo concello da Capela, parroquia homónima, que se iniciou o domingo ás 04.06 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie dunhas 30 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 18 axentes, 25 brigadas, 26 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 4 avións.

OURENSE

Extinguido A Mezquita-Manzalvos

Quedou extinguido ás 21.05 horas de onte o lume do concello da Mezquita, parroquia de Manzalvos, que entrou desde Portugal ás 07.18 horas do domingo, e que finalmente afectou, en Galicia, unha superficie de 61,27 hectáreas, das cales 51,4 corresponden con arborado e as 9,87 restantes con raso. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 17 axentes, 27 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 7 avións e 7 helicópteros.

 A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 24/06/2026