A Xunta celebra o traballo da conferencia da Rede de Reitores das universidades do suroeste europeo coa vista posta na creación da Macrorrexión Atlántica
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes defendeu o papel central das rexións no deseño das políticas europeas na área atlántica e da sociedade civil na cooperación atlántica
O mandato do Consello de Europa á Comisión Europea para crear a Macrorrexión Atlántica fixa como data límite xuño de 2027
Na xuntanza presentouse a nova Alianza Universitaria da Rexión Atlántica (AURA), creada en Quebéc (Canadá) o pasado 6 de xuño
A Coruña, 26 de xuño de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na Reunión do Grupo de Traballo da Macrorrexión do Suroeste de Europa (RESOE) coa Rede de Reitores de Universidades no mesmo ámbito territorial (CRUSOE) acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo.
O acto forma parte da xornada anual RESOE e CRUSOE, que tratou diversos temas de interese para Galicia como a creación da Alianza Universitaria da Rexión Atlántica na Asemblea Xeral da Comisión do Arco Atlántico o pasado día 6 de xuño en Quebéc (Canadá) e que integra os territorios de Nova Aquitania, Navarra, País Vasco, Andalucía, o sur de Portugal, Gales, Irlanda e a propia Quebéc.
En relación co proceso de creación da Macrorrexión Atlántica, Diego Calvo salientou que o Consello Europeo vén de outorgar á Comisión Europea o mandato de crear a Macrorrexión Atlántica antes de xuño de 2027, proceso co que tanto RESOE como CRUSOE están comprometidas desde hai anos. O conselleiro reiterou o apoio de Galicia á súa creación, como eixo fundamental da xeoestratexia atlántica, que permitirá potenciar a dimensión política e de cooperación desta conca marítima.
Así, destacou o papel de RESOE e CRUSOE como exemplo de boas prácticas para explotar o potencial desta zona xeográfica en materia de enerxía verde, produción de alimentos, pesca, atracción e retención do talento, especialización industrial, turismo cultura e comercio de bens esenciais. Tamén sinalou que para acadar unha maior cohesión, incrementar a competitividade do territorio e a resiliencia dos territorios costeiros e das súas áreas de influencia é indispensable a participación da sociedade civil, neste caso en concreto, das universidades e centros de estudios superiores.
RESOE e CRUSOE
En 2010 Galicia, xunto con Castela e León e o Norte de Portugal, crearon a Macrorrexión RESOE (Rexións do Suroeste Europeo) na que logo se integraron Asturias, Cantabria e o Centro de Portugal. Do grupo de traballo de “Universidades e Investigación, liderado por Galicia, naceu CRUSOE que aglutina as Universidades e Institutos Politécnicos de todas estas rexións.
CRUSOE está composta por 23 universidades e institutos politécnicos de Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria, Rexión Norte e Rexión Centro de Portugal. Na actualidade conta cun un total de 29 entidades de educación superior, máis de 500 grupos de investigación de referencia nacional en España e Portugal, e case 240.000 estudantes repartidos en máis de 40 campus (4 deles cualificados como de excelencia internacional), a Rede CRUSOE configúrase como alternativa ás tradicionais redes institucionais do coñecemento e, á vez, promove novos proxectos no espazo macrorrexional do suroeste europeo.