O conselleiro de Sanidade, xunto co director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, co director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Sergas e co xerente da área sanitaria, supervisou a posta en marcha da ambulancia en Ribeira
Gómez Caamaño subliña que a nova ambulancia medicalizada de Barbanza permitirá mellorar a atención sanitaria urxente a máis de 75.000 personas de cinco concellos
Indica que estará operativa as 24 horas cun equipo profesional formado por un médico, un enfermeiro e un técnico en emerxencias sanitarias
Explica que a posta en marcha deste novo servizo está motivada polo volume de poboación e por un incremento sostido da actividade asistencial da comarca, que concentra importantes polígonos industriais
En 2024, o 061 realizou preto de 7.000 asistencias, atendeu máis de 8.500 pacientes en Barbanza, dos cales máis da metade precisaron traslado hospitalario
A Xunta aumenta progresivamente a rede do 061, coa incorporación tamén de novas ambulancias de soporte vital avanzado de enfermería en Lalín e en Moaña
Cada ano o 061 atende máis dun millón de chamadas, mobiliza máis de 330.000 recursos asistencias e resolve o 94 % das chamadas en menos de dez segundos
Ribeira (A Coruña), 1 de xullo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou que a nova ambulancia medicalizada de Barbanza posta en marcha hoxe permitirá mellorar a atención sanitaria urxente para máis de 75.000 habitantes de Ribeira, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e O Porto do Son.
Sinalouno así durante a visita ao Hospital Público de Barbanza, onde inicialmente terá a súa base esta nova ambulancia, nun acto no que tamén participaron o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Román Gómez, o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, Salvador Mariño-Ageitos, e o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio.
Gómez Caamaño informou de que a ambulancia medicalizada estará operativa as 24 horas do día, dotada con equipamento avanzado e cun equipo formado por un profesional médico, un de enfermería e un técnico en emerxencias sanitarias.
Tal e como detallou o conselleiro de Sanidade, este novo recurso xustifícase tanto polo volume de poboación como polo incremento sostido da actividade asistencial que se rexistra na comarca, onde, ademais, se concentran varios polígonos industriais.
Só en 2024 o 061 realizou preto de 7.000 asistencias en Barbanza e atendeu máis de 8.500 pacientes, dos cales máis da metade precisaron traslado hospitalario.
A isto engádese, como sinalou Gómez Caamaño, que o Hospital de Barbanza efectuou máis de 1.700 traslados secundarios ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, dos cales case o 40 % precisou unha ambulancia medicalizada.
Á vista destes datos, a Xunta comprometérase co Concello de Ribeira, co persoal do hospital comarcal e cos colectivos empresarias da zona a poñer en servizo este ano a nova ambulancia medicalizada, que hoxe entrou en funcionamento.
O conselleiro de Sanidade lembrou que o Goberno galego segue a aumentar nos últimos anos, de forma progresiva, a rede de ambulancias do 061 e mencionou como exemplo as ambulancias de soporte vital avanzado de enfermería con base en Lalín e en Moaña.