Medio Rural segue a impulsar a implicación cidadá na prevención dos incendios forestais cunha nova xornada formativa en Fornelos de Montes

A acción desenvolvida hoxe baséase no proxecto piloto posto en marcha coa Mancomunidade de Montes do Baixo Miño para colaborar na detección temperá dos lumes, co fin de replicar esta iniciativa noutras zonas

Na xornada abordáronse cuestións vencelladas con medidas preventivas e de autoprotección, con recomendacións á poboación, a ter en conta no caso de producirse un incendio

Fornelos de Montes (Pontevedra), 3 de xullo de 2026

A Consellería do Medio Rural segue a avanzar na súa aposta por impulsar a participación e implicación cidadá na prevención dos incendios forestais, neste caso cunha nova xornada formativa no concello pontevedrés de Fornelos de Montes. A acción desenvolvida hoxe, e que contou coa participación do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, baséase no proxecto piloto posto en marcha coa Mancomunidade de Montes do Baixo Miño para colaborar na detección temperá dos lumes nos montes desta entidade; unha iniciativa que se busca replicar noutras zonas do territorio.  

Ao abeiro deste proxecto piloto, que se desenvolve baixo o nome de Ollos no Monte, a mancomunidade organizará equipos de vixilancia preventiva e detección temperá nos montes da súa contorna durante a temporada de verán, co obxectivo de reducir o risco e mellorar a capacidade de resposta ante conatos, axilizando así os avisos ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta. Cómpre salientar que a intervención temperá reduce tanto a superficie afectada como posibles danos económicos ou ambientais e, neste sentido, a colaboración cidadá, neste caso das comunidades de propietarios, consolídase como unha parte importante da resposta integral ante un incendio forestal.

Na xornada impartida hoxe, que contou co apoio técnico do distrito forestal XVIII e de membros da Unidade de Directores de Extinción (UDEX), abordáronse cuestións vencelladas con medidas preventivas e de autoprotección á poboación, a ter en conta no caso de producirse un incendio forestal. Explicóuselles tamén aos asistentes a organización do dispositivo en caso de lume e  incidiuse na importancia da participación e o apoio das comunidades de montes veciñais en man común nesta loita. Mañá haberá outra xornada en Lobios co mesmo fin, e a seguinte celebrarase o 11 de xullo en Verín.

Apoio aos traballos preventivos das comunidades

As comunidades de montes veciñais en man común son axentes clave no territorio. Aproximadamente, a quinta parte de Galicia, unhas 650.000 hectáreas, corresponde a monte veciñal en man común, xestionado por unhas 3.000 comunidades. A súa contribución na prevención de incendios forestais é fundamental, e por iso se mantén unha estreita colaboración e apoio desde o Goberno galego, convocando anualmente ordes de axuda para facilitar este traballo preventivo.

A maiores, os propietarios agrupados nas comunidades son os principais interesados en defender o seu terreo, teñen responsabilidade directa na súa conservación e protección e tamén son quen mellor coñecen o seu territorio (accesos, puntos de auga ou zonas de maior risco).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2026