Controlado o incendio forestal do concello lucense de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei
O lume iniciouse o sábado ás 18.22 horas e segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 180 hectáreas
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello lucense de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, quedou controlado ás 19.47 horas de hoxe. O lume iniciouse o pasado sábado, día 11, ás 18.22 horas e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 180 hectáreas.
Neste incendio foi preciso declarar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas, unha situación operativa que quedou desactivada na madrugada do domingo. Para a extinción deste lume mobilizáronse, polo de agora, de xeito acumulado, 8 técnicos, 42 axentes, 61 brigadas, 45 motobombas, 4 pas, 9 helicópteros e 8 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.