Medio Rural inviste 680.000 euros na mellora de camiños nos concellos da comarca da Ulloa

A conselleira do Medio Rural visitou unha das actuacións acometidas no concello de Palas de Rei, que recibiu case 269.000 euros nos últimos tres anos para mellorar as súas infraestruturas viarias

Todos os concellos galegos poden ser beneficiarios do Plan Camiña Rural e con el subvenciónanse a ampliación e a mellora de camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación

Ao abeiro destas achegas, que se convocan anualmente, destináronse preto de 156 millóns de euros desde 2016, que permitiron actuar en case 6.700 camiños cunha lonxitude total de 5.200 quilómetros

Palas de Rei (Lugo), 28 de xullo 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe o investimento de 680.000 euros na mellora de camiños nos concellos da comarca da Ulloa desde o ano 2023. Hoxe puido comprobar os resultados dunha actuación realizada ao abeiro do Plan Camiña Rural na localidade de Palas de Rei, onde estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.

Detallou que, a través de diversas convocatorias, o concello de Palas de Rei mellorou tres camiños cun orzamento de case 269.000 euros; no de Monterroso foron outras tantas vías cun investimento de preto de 195.000 euros; e en Antas de Ulla tamén se actuou en tres camiños para os que se destinaron uns 217.000 euros. Neste sentido, a conselleira puxo en valor que este tipo de iniciativas impactan de xeito positivo no rural, xa que se optimizan unhas infraestruturas estratéxicas na dinamización social e económica do agro e vertebran o territorio.

Segundo sinalou a titular de Medio Rural, todos os concellos galegos poden beneficiarse do Plan Camiña Rural. A través del subvenciónanse a ampliación e a mellora de camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación.

19 millóns de euros na convocatoria 2026-2027

A conselleira lembrou que este ano se convocou novamente o Plan Camiña Rural para os anos 2026 e 2027, cun investimento de preto de 19 millóns de euros. Neste sentido, o concello de Palas de Rei ten asignada unha axuda de máis de 36.000 euros; o de Monterroso, máis de 60.000 euros; e o de Antas de Ulla, con preto de 70.000 euros.

Ao abeiro destas achegas, que se convocan anualmente, a Consellería destinou preto de 156 millóns de euros para reparar os camiños de localidades de toda Galicia desde 2016. Tendo en conta tamén os traballos da convocatoria pasada, actuouse xa en case 6.700 camiños cunha lonxitude de 5.200 quilómetros. A conselleira asegurou que o Goberno autonómico seguirá a apostar pola colaboración institucional e por apoiar aos concellos na mellora das súas infraestruturas rurais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2026