A Xunta adxudica por máis de 383.000 euros a obra de mellora de itinerarios peonís en Lestedo, no concello de Boqueixón
Trátase de executar as obras de integración urbana das vivendas situadas nas proximidades do lugar de Lestedo con intervencións centradas na rúa Castrelo e na avenida do Vinteseis
A Xunta asume o 70% do orzamento, contra e executará as obras; e o Concello aporta o 30% restante do investimento
As intervencións forman parte do Plan Hurbe, programa do Goberno galego para apoiar ás administracións locais e cofinanciar diferentes tipos de intervencións urbanísticas
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026
A Xunta vén de adxudicar as obras consistentes na mellora de itinerarios peonís en Lestedo, no concello de Boqueixón, por un importe de 383.521,60 euros.
Esta actuación, adxudicada á empresa Francisco Gómez y Cia, S.L., enmarcase no convenio de colaboración asinado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello coruñés, ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta. Un plan co que o departamento que dirixe María M. Allegue, colabora coas entidades locais para a execución de obras de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
En concreto, baixo este contrato, trátase de executar as obras necesarias para integración urbana das vivendas situadas nas proximidades do lugar de Lestedo con intervencións en dúas rúas: a rúa Castrelo e avenida do Vinteseis.
Na rúa Castrelo inclúense a renovación da beirarrúa, así como a instalación de bordo. Na marxe oposta da rúa proxéctase a construción dunha senda peonil de 120 metros de lonxitude, con bordo prefabricado tipo “xardín” no límite exterior da senda. Tamén se renovará a capa de rodaxe do viario municipal neste treito e se substituirá a sinalización.
Na avenida do Vinteseis renovarase un treito mediante a reforma das beirarrúas existentes e a execución doutras novas que dean servizo ao novo espazo de aparcamento proxectado. Levarase a cabo, ademais, a execución da rede de pluviais e os respectivos pozos de rexistro e arquetas; así como a de alumeado, coa execución da súa canalización e das correspondentes arquetas, báculos e luminarias.
O proceso de urbanización do entorno completarase coa plantación do céspede e árbores e coa colocación de mobiliario urbano.
Este contrato enmárcanse no convenio de colaboración asinado en maio entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que asumirá o 70% do orzamento; e o Concello de Boqueixón que achegará o 30% restante.