A Xunta licita as obras de mellora da contorna do Centro de Estancia de Agrelo, no concello do Campo Lameiro, por preto de 372.000 euros
A actuación enmárcase no Plan Hurbe da Xunta e completará este equipamento municipal coa urbanización da parcela que rodea o edificio e a habilitación dun acceso peonil e rodado ás instalacións
A intervención permitirá humanizar o espazo que rodea o edificio garantindo a accesibilidade
As empresas poderán presentar ofertas ata o 7 de setembro
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026
A Xunta licita as obras de urbanización da contorna do Centro de Estancia de maiores de Agrelo, no concello do Campo Lameiro, por importe de case 372.000€. A actuación enmárcase no Plan Hurbe e permitirá completar o citado equipamento municipal a través da urbanización da parcela que rodea o edificio, a carón da igrexa de San Miguel do Campo, e a habilitación dun acceso peonil e rodado ás instalacións.
Ademais da habilitación destes accesos, os traballos tamén incluirán a execución de muros de contención en pedra, nova iluminación, a mellora da sinalización, o redeseño do mobiliario urbano, así como a plantación árbores.
Tamén se instalarán varandas e soterraranse as liñas de alumeado e tendido eléctrico. Al lado do edificio, ademais, instalaranse aparellos de exercicio saudables e unha pista de petanca.
As empresas poderán presentar as súas ofertas para esta intervención ata o vindeiro día 7 de setembro.
O investimento total para esta actuación ascende a 511.752€. De acordo ao convenio asinado entre Xunta e Concello para abordar esta actuación ao abeiro do Plan Hurbe, a Xunta aportará o 51% do investimento total (260.993€), ademais de licitar e executar as obras, mentres que o Concello asume o 49% (250.758€), realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.
A través do Plan Hurbe a Administración autonómica apoia aos municipios para financiar diferentes tipos de intervencións dirixidas a completar equipamentos, mellorar a accesibilidade ou transformar contornas urbanas.