A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe os traballos

A Xunta inicia as obras do último treito para completar a autovía entre Lugo e Sarria, que supoñen un investimento de 37,7M€

A Administración autonómica comeza o desdobramento do treito de 13,5 quilómetros entre a glorieta de Nadela e o enlace da Pobra de San Xiao, para convertelo en autovía

A actuación contempla varias infraestruturas singulares, como os dous viadutos sobre os ríos Chamoso e Neira, os enlaces do Corgo e Maceda, un cruce de vía baixo a A-54, así como a ampliación de 13 pasos superiores e 7 inferiores

Allegue subliña a aposta da Xunta para seguir sumando quilómetros nos viarios de altas prestacións, con 170M€ de investimento nas actuais intervencións en marcha en Galicia

Lugo, 5 de agosto de 2026

A Xunta inicia as obras do último treito para completar a autovía entre Lugo e Sarria, que supoñen un orzamento de 37,7M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe o comezo destes traballos.

A actuación contempla o desdobramento para converter en autovía o tramo do actual corredor que arranca na glorieta de Nadela e finaliza no enlace da Pobra de San Xiao, onde conecta co treito posto xa en servizo no 2022. Son, en total, 13,5km de percorrido e a nova autovía pasará a denominarse AG-22, sendo libre de peaxe. 

A conselleira destacou a envergadura deste proxecto, que contempla varias actuacións singulares, entre elas os dous viadutos que se construirán sobre o río Chamoso e o Neira, o primeiro de 259 metros de lonxitude e o segundo de 160 metros. A isto hai que unir os enlaces do Corgo e Maceda, un cruce de vía baixo a A-54, así como a ampliación de 13 pasos superiores e 7 inferiores. 

O prazo de execución das obras será de 36 meses e os traballos comezaron xa coas primeiras intervencións de sinalización e roza na contorna onde se construirá o futuro viaduto sobre o río Chamoso, que discorrerá paralelo ao actual.

A infraestrutura, que se calcula que terá un tráfico de 8.000 vehículos diarios, beneficiará a unha poboación de 100.000 persoas dos concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo, ademais de transportistas e visitantes. 

Neste senso, Allegue subliñou que a actuación mellorará a seguridade viaria e permitirá acortar tempos de viaxe. Deste xeito, a nova autovía, que terá unha limitación de velocidade de 120km/h, fará máis cómodo o desprazamento entre Lugo e a comarca de Sarria, conectando de maneira máis eficiente cos grandes eixes (A-6 e A-54) que conflúen en Nadela. 

Investimento de 170M€ en vías de altas prestacións 

Allegue destacou o compromiso da Xunta “cunha folla de ruta clara” para seguir sumando cada ano novos quilómetros nos viarios de altas prestacións na comunidade, ademais de seguir investindo en conservación viaria.

Destacou que neste momento as actuacións en marcha en Galicia en vías de altas prestacións suman 170M€ de investimento, que se destinan á prolongación da AG-59 Santiago-A Estrada; á VAP Tui-A Guarda; á prolongación da autovía da Costa da Morte e ao desdobramento dun treito da estrada Brión-Noia para convertelo en autovía.

“Damos outro gran paso no marco do noso compromiso para seguir mellorando a seguridade, a conectividade e vertebración do noso territorio e con iso a competitividade económica nesta comarca lucense e en toda Galicia”, afirmou.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2026