Galicia e Portugal reforzan a súa colaboración en materia de loita contra incendios forestais
O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural mantivo en Bragança un encontro co novo director da zona norte da Autoridade Nacional de Emerxencias e Protección Civil de Portugal (Anepc), o Comandante Albano Teixeira
O encontro serviu para intensificar a cooperación en ámbitos como a extinción conxunta de lumes a ambos lados da fronteira, a formación dos profesionais, os simulacros ou o labor a través de proxectos transfronteirizos comúns
Bragança (Portugal), 6 de agosto de 2026
O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, mantivo hoxe en Bragança un encontro de traballo co novo director da zona norte da Autoridade Nacional de Emerxencias e Protección Civil de Portugal (Anepc), o Comandante Albano Teixeira.
A reunión serviu como primeira toma de contacto entre ambos, coa finalidade de seguir reforzando a cooperación transfronteiriza entre Galicia e o país luso en materia de loita contra os incendios forestais, en especial no que atinxe aos grandes lumes, aqueles que superan as 500 hectáreas de superficie afectada.
Desta forma, trátase de intensificar unha colaboración que se ven mantendo para que o persoal e os medios aéreos e terrestres de España (neste caso de Galicia, especificamente) e de Portugal poidan traballar conxuntamente a ambos lados da fronteira, para o que existe un protocolo de actuación asinado entre os dous países.
Polo tanto, esta xuntanza enmárcase nas boas relacións de cooperación transfronteiriza, que se manifesta na fase operativa na que ambas direccións, Defensa do Monte e ANEPC, solicítanse de forma habitual medios para colaborar a un e outro lado da fronteira. Así aconteceu no recente incendio de Chaves, no que participaron na extinción en Portugal avións de carga en terra da base transfronteiriza de Verín-Oimbra (Ourense) e tamén noutros casos no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, en territorio galego, nos que colaboraron medios portugueses da ANEPC.
Do mesmo xeito, tamén existe unha cooperación fluída e continuada noutros eidos relacionados coa problemática dos incendios forestais como son, por exemplo, a formación dos profesionais de ambos dispositivos ou a realización de simulacros conxuntos.
Proxectos transfronteirizos no marco da UE
Este traballo conxunto entre ambas as dúas entidades ten ademais os seus froitos a través dos proxectos transfronteirizos nos que participan, como é o caso dos Interreg Poctep: Interlumes, Fireprotect, Cilumes interopera, Fireprotect avanza; ou Interreg Sudoe: Use4forest. Nesta liña, no encontro de hoxe avanzouse tamén na nova presentación de proxectos de cooperación ao abeiro da cuarta convocatoria do Interreg Sudoe e da décima do Interreg Poctep.
O Interreg Poctep promove o desenvolvemento e a cooperación transfronteiriza, co apoio da Unión Europea, ao longo da fronteira entre España e Portugal. Pola súa banda, o Interreg Sudoe é tamén un programa de financiamento da UE que apoia o desenvolvemento rexional e a cooperación transnacional no suroeste de Europa, mediante fondos Feder. Axuda a rexións de España (caso de Galicia), Portugal, Francia e Andorra a resolver retos comúns coma o cambio climático e a cohesión social.