Extinguido o incendio forestal do concello coruñés de Lousame, parroquia de Lesende

O lume iniciouse ás 17,32 horas do pasado venres, día 14, e finalmente afectou unha superficie de 31,41 hectáreas, a maior parte delas de monte arborado

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2026

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés de Lousame, parroquia de Lesende, quedou extinguido ás 18,15 horas de hoxe.

Este lume comezou o pasado venres, día 14, ás 17,32 horas e finalmente afectou unha superficie de 31,41 hectáreas, a maior parte delas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 2 técnicos, 23 axentes, 36 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 9 helicópteros e 4 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085

Data de actualización: 18/08/2026