Medio Rural reforza a dispoñibilidade de efectivos durante o período de alto risco de incendios para a cobertura de postos do SPIF

Ábrese o prazo para solicitar a incorporación ás listas complementarias para a cobertura temporal de postos de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada

Esta medida permitirá ampliar a dispoñibilidade de efectivos para atender as eventuais necesidades de cobertura do SPIF durante o período de alto risco de incendios

Poderán solicitar a súa incorporación as persoas que participaron pola quenda de acceso libre no proceso selectivo para esta especialidade e que non figuren nas listas de contratación do SPIF nin estean prestando servizos actualmente no dispositivo

Os profesionais que cumpran cos requisitos poderán presentar a súa solicitude ata o 24 de agosto e, unha vez rematado o prazo, publicaranse as listas provisionais na web da Consellería para posteriormente someterse a unha proba de aptitude física

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2026.

A Consellería do Medio Rural reforza a dispoñibilidade de efectivos durante o período de alto risco de incendios para a cobertura de postos do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF). En concreto, vén de publicarse a resolución pola que se acorda a elaboración de listas complementarias para a cobertura temporal de vacantes de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.

Esta medida está prevista na disposición adicional sétima do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, incorporada este ano ao réxime de listas, que permite a elaboración de listas complementarias de carácter subsidiario. Esta previsión permite ampliar a dispoñibilidade de efectivos e contar cunha vía adicional para atender, de ser o caso, as eventuais necesidades temporais de cobertura de postos de xefe/a de brigada, tanto de persoal funcionario como laboral.

As listas estarán conformadas por persoas que participaron quenda de acceso libre, no proceso selectivo para o acceso á escala técnica do SPIF, especialidade de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada, cuxas puntuacións correspondentes aos exercicios realizados foron publicadas no DOG do 13 de agosto de 2026. A maiores, as persoas interesadas non poderán figurar nas listas ordinarias de contratación reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, para a correspondente escala ou categoría, e nin estar prestando servizos actualmente en postos vinculados ao SPIF.

Deste xeito, preténdese incorporar novas persoas ás listas complementarias, evitando incluír as que xa estean dispoñibles nas listas ordinarias ou que estean prestando servizos actualmente no dispositivo.

Prazo ata o 24 de agosto

Os interesados que cumpran estes requisitos poderán presentar a súa solicitude de incorporación á lista complementarias, indicando unha única provincia pola que desexan presentarse. Teñen de prazo para formalizala mediante Solicitude electrónica xenérica, a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 24 de agosto, inclusive.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicaranse na web da Consellería do Medio Rural as listas provisionais. As persoas que se atopen nelas, deberán realizar a correspondente proba de aptitude física que terá lugar na primeira semana de setembro en Santiago de Compostela. A proba consistirá no Field Test, que implica percorrer 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas, nun tempo máximo de 30 minutos.

As persoas incluídas nas listas provisionais deberán achegar previamente o certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde, nos termos establecidos na resolución. O prazo para presentar esta documentación rematará o 1 de setembro de 2026.

Unha vez realizadas as probas e resoltas as alegacións, procederase á publicación das listas definitivas na web da Consellería. A resolución e os distintos anuncios relativos ao desenvolvemento do procedemento estarán dispoñibles na seguinte ligazón.

Data de actualización: 20/08/2026