Medio Rural avanza na mellora xenética forestal para responder ás necesidades actuais dos montes galegos
A conselleira María José Gómez visitou o viveiro público da Falmega, en Oroso, que conta cun novo horto de sementes de Pinus radiata para a obtención de material forestal de reprodución cualificado
Explicou que conta cunha superficie de 6,57 hectáreas e está integrado por 105 clons seleccionados para garantir a produción de semente forestal de alta calidade
Tamén salientou que este tipo de recursos contribúen á sustentabilidade das futuras masas forestais e á mellora da produtividade e resiliencia do monte, xa que se trata de plantacións con árbores seleccionadas polos seus caracteres superiores
Oroso (A Coruña), 3 de setembro de 2026
A Consellería do Medio Rural avanza na mellora xenética forestal para responder ás necesidades actuais dos monte galegos. Así o trasladou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha visita ao novo horto de sementes de Pinus radiata do viveiro público da Falmega, en Oroso, para a produción de material forestal de reprodución cualificado, o cal xa está inscrito tanto no Rexistro Galego de Materiais de Base como no nacional desde este mesmo ano.
Durante a visita, na que estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro; pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e polo director-xerente de Seaga, Martín Martínez; a conselleira explicou que este horto estableceuse durante os anos 2021 e 2022, cunha superficie de 6,57 hectáreas e integrado por 105 clons seleccionados para garantir a produción de semente forestal de alta calidade. Neste sentido, destacou que se segue avanzando na estratexia autonómica de impulso á mellora da xenética forestal.
A maiores, engadiu que este material xenético procede do tamén viveiro público de Areas, en Tui, polo que se asegura a trazabilidade e continuidade do programa galego de mellora xenética desta especie. A súa selección realizouse pola boa conformación para a produción madeireira, buscando mellores crecementos e valor para a industria, pero tamén tolerancia á banda marrón ou a outras continxencias que poidan afectar a esta especie.
Gómez salientou que este tipo de recursos para mellorar a xenética forestal permiten asegurar a dispoñibilidade de material de reprodución de alta calidade, adaptado ás necesidades da silvicultura actual e aos retos derivados do cambio climático. Ao mesmo tempo, tamén sinalou que este labor contribúe á sustentabilidade das futuras masas forestais e á mellora da produtividade e resiliencia dos montes galegos, xa que se trata de plantacións establecidas con árbores seleccionadas polos seus caracteres superiores.
Loita contra pragas
Coa inclusión deste horto de sementes de Pinus radiata de categoría material cualificada no Rexistro Galego de Materiais de Base para a produción de recursos forestais de reprodución, estase a traballar para conseguir plantas melloradas xeneticamente máis resistentes ás enfermidades das bandas.
Neste sentido, cómpre lembrar que desde a Consellería do Medio Rural levou a cabo a pasada primavera unha actuación de tratamento foliar en máis de 10.000 hectáreas de masas de Pinus radiata. Esta acción vén acompañada dun seguimento técnico no que se están a analizar os solos para determinar as carencias que presentan e así poder axustar o tratamento a cada territorio. Isto permite mellorar o estado nutricional das árbores, incrementar a súa resistencia fronte á enfermidade e manter o potencial produtivo da masa.
A maiores, tamén se colocaron gaiolas de esporas para detectar a circulacións das mesmas nas masas de Pinus radiata e así poder aplicar o tratamento no momento axeitado.
Rede de viveiros públicos
A conselleira puxo en valor o traballo que se desenvolve desde os diferentes viveiros dependentes da Xunta, como este da Falmega que forma parte dun total de oito públicos, a través dos cales se traballa para conservar recursos xenéticos e apoiar políticas ambientais, entre outros.
No caso concreto deste viveiro de Oroso, as súas instalacións dispoñen dunha superficie dunhas 16 hectáreas e dedícase principalmente á conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais.