A Xunta participa na XVI Xuntanza da Federación de Centros Galegos de Andalucía, Estremadura e Ceuta e destaca a vitalidade e unión da comunidade galega

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou no encontro anual dos centros, que este ano se celebrou no Lar Galego de Sevilla

Sinala o papel destas entidades como espazos de encontro e apoio que contribúen a preservar a identidade, a cultura e os vínculos coa terra de orixe

Traslada o seu agarimo á cidadanía de Ceuta e, en especial, ás preto de 350 galegas e galegos residentes na cidade autónoma

Sevilla, 12 de setembro de 2026

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe na XVI Xuntanza da Federación de Centros Galegos de Andalucía, Estremadura e Ceuta, un encontro no que puxo en valor o papel destas entidades como mostra da vitalidade e da unión da comunidade galega, estea onde estea.

A XVI Xuntanza —que se celebra anualmente e que nesta ocasión tivo lugar no Lar Galego de Sevilla— constitúe un encontro de carácter cultural, social e institucional que reúne as diferentes entidades que agrupan as persoas galegas asentadas en Andalucía, Estremadura e Ceuta. O seu obxectivo é poñer en valor a identidade, a cultura e as tradicións de Galicia, así como fortalecer a cooperación, os lazos de unión e a convivencia entre os seus integrantes.

Na súa intervención, a secretaria xeral salientou a importancia de contar con centros galegos, xa que representan espazos de encontro, apoio e participación aos que poder acudir e que contribúen a manter e reforzar os vínculos coa terra de orixe. Na actualidade, existen seis asociacións galegas en Andalucía, unha en Estremadura e outra en Ceuta.

Pérez Iglesias incidiu, ademais, na importancia de que as administracións faciliten ás persoas que residen fóra de Galicia o desenvolvemento do seu proxecto vital no lugar que libremente escollan, ao tempo que lles ofrecen apoio para preservar e fortalecer os vínculos coa súa terra.

Por último, a secretaria xeral trasladou o seu agarimo ás preto de 350 galegas e galegos residentes en Ceuta e expresou a súa solidariedade con toda a cidadanía ceutí. Neste sentido, manifestou o seu desexo de que a cidade poida recuperar canto antes a normalidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2026