Villares destaca o impulso da Xunta ao Camiño Francés con diferentes liñas de acción para potenciar todos os recursos vinculados á ruta
O delegado territorial de Lugo resalta a renovación do convenio coa Mancomunidade e os concellos, cun investimento autonómico de 1,12 M€ para acometer novos proxectos de revalorización, embelecemento e promoción do itinerario xacobeo
Sarria (Lugo), 14 de setembro de 2026
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, destacou en Sarria o impulso do Goberno galego ao Camiño Francés, con diferentes liñas de acción para potenciar todos os recursos vinculados á ruta.
Villares comprobou o resultado dalgúns proxectos recentes, como os murais creados pola artista Lula Goce en hórreos do núcleo de Vilei (parroquia de Barbadelo), inspirados nos oficios e no traballo da terra.
A iniciativa está financiada con cargo ao anterior convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia, a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e os municipios integrados na entidade, dotado con 1 M€ para levar a cabo accións de promoción e mellora paisaxística en todos eles.
Villares afirmou que o Goberno galego achegará 1,12 M€ máis a través dun novo acordo con dúas liñas de acción. Unha delas vai destinada aos concellos, para impulsar proxectos de revalorización, embelecemento e conservación do Camiño; para desenvolver actividades de divulgación cultural e turística e para financiar gastos de persoal técnico das oficinas de turismo municipais.
Así mesmo, en colaboración coa Mancomunidade impulsarase unha estratexia anual de promoción do Xacobeo e do Camiño Francés, incluída a contratación dunha persoa técnica encargada de coordinala.
O delegado territorial enmarcou estas actuacións no traballo continuado que desenvolve a Xunta en colaboración con outras administracións e entidades “para garantir a mellor acollida aos peregrinos” e potenciar a conservación, difusión e dinamización da ruta.
Entre as iniciativas que se levan a cabo destacou os proxectos de mellora da seguridade viaria nos treitos que coinciden con estradas autonómicas; as axudas para o acondicionamento de vivendas a través da Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago; ou a colaboración cos concellos para mellorar o patrimonio local.