A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse esta mañá con representantes do equipo directivo da escola universitaria

A Xunta estudará novas vías de colaboración coa Escola Técnica Superior da Universidade da Coruña para dar a coñecer á cidadanía o papel destes profesionais para avanzar en materia medioambiental

Ángeles Vázquez recoñece a importancia dos enxeñeiros de camiños, canais e portos para avanzar na investigación e posta en marcha de proxectos relacionados con ámbitos da súa competencia, especialmente na xestión da auga e na mitigación do cambio climático

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia estudará novas vías de colaboración coa Escola Técnica Superior (ETS) da Universidade da Coruña co obxectivo compartido de dar a coñecer entre a cidadanía a relevancia e o papel que xogan os enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos para poder avanzar en diferentes eidos relacionados coa protección medioambiental e a sostibilidade dos procesos produtivos.

Así o comprometeu hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a reunión que mantivo co director da ETS, Luis Ramírez, e o coordinador de Divulgación do centro, Diego Carro, e na que expuxeron a evolución da escola ao longo da súa historia así como as principais liñas de actuación nas que traballan actualmente.

Neste sentido, coincidiron na necesidade de divulgar, especialmente entre a mocidade, as aplicacións prácticas que teñen as diferentes disciplinas impartidas na ETS en materia ambiental, un eido no que acordaron explorar posibles iniciativas ou proxectos de interese para o departamento autonómico no que poidan colaborar con este fin.

Ao respecto, Ángeles Vázquez recoñeceu a importancia dos profesionais que traballan ou se forman actualmente no eido da enxeñaría civil para avanzar na investigación e posta en marcha de proxectos en ámbitos da súa competencia, recordando que o seu departamento conta con iniciativas divulgativas como a Escola da Auga, o programa en centros educativos en materia de inundacións ou Mocidade polo clima nos que poñer en valor o traballo de distintos profesionais e colectivos no coidado do medio ambiente.

A modo de exemplo, a conselleira e o equipo directivo da ETS coincidiron no potencial dos futuros enxeñeiros para avanzar na xestión da auga e en sistemas de saneamento sostibles, así como na mitigación dos efectos do cambio climático, con iniciativas de descarbonización ou de protección da saúde ambiental ante episodios extremos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/09/2026