A Xunta de Galicia colabora coa XII Festa do Pan de Millo e Ovo de Cotobade

Pontevedra, 14 de setembro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, recibiu hoxe ao alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, e a un grupo de veciños da asociación cultural Foula, para informar sobre os detalles da XII Festa do Pan de Millo e Ovo de Cotobade, que se celebrará o vindeiro sábado, 19 de setembro.

Durante o encontro, o delegado territorial destacou a importancia de apoiar desde as administracións aquelas iniciativas que contribúen a manter vivas as tradicións e a cultura propia dos municipios da provincia, ao tempo que favorecen a dinamización social e económica do territorio. Neste sentido, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, colaborará nesta edición da festa coa financiación do principal evento musical da celebración, o concerto do grupo ‘Os do Fondo da Barra’, que terá lugar ás 20.30 horas.

Pablo Fernández puxo en valor a capacidade desta celebración para reunir aos veciños e visitantes arredor de dous produtos estreitamente ligados á tradición gastronómica de Cerdedo Cotobade. O delegado territorial agradeceu ao Concello e aos veciños o seu traballo para manter e consolidar esta festa, que chega xa á súa décimo segunda edición, e reiterou o compromiso da Xunta de Galicia con este tipo de iniciativas que poñen en valor a cultura, as tradicións e o patrimonio inmaterial da provincia de Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/09/2026