Martina Aneiros destaca o apoio da Xunta á sostibilidade turística cunha nova convocatoria de 9 M€
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o restaurante Las Olas By Pantín ao que se lle concedeu unha achega autonómica de máis de 48.000 euros na última convocatoria
Destacou a importancia destas axudas que permiten aos establecementos turísticos aforrar no seu consumo eléctrico, mellorar a calidade e avanzar en sostibilidade
Valdoviño (A Coruña), 15 de setembro de 2026
A Xunta, a través de Turismo de Galicia, renovou o seu programa de subvencións para actuacións de mellora da eficiencia enerxética en empresas turísticas, programa que beneficiou con máis de 424.000 euros a cinco empresas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal na pasada convocatoria. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o restaurante Las Olas By Pantín, en Valdoviño, que recibiu una achega autonómica de máis de 48.000 euros en 2025.
Tal e como puido comprobar Aneiros, a subvención concedida a este local destinouse á substitución de electrodomésticos por uns novos de menor consumo enerxético. “Estas axudas que non só permiten aforrar na factura da luz, senón tamén mellorar a imaxe e a calidade dos servizos turísticos que se prestan no noso territorio, avanzando tamén cara un turismo máis sostible”, destacou a delegada.
Durante a visita, a representante autonómica deu conta da nova orde de axudas, que dispón dun orzamento de 9 millóns de euros para apoiar a execución de actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas.
Entre as intervencións que poderán recibir financiamento atópanse a mellora da envolvente dos edificios, a substitución ou renovación dos sistemas de iluminación por outros máis eficientes, así como a instalación de solucións baseadas en enerxía solar térmica, xeotermia, biomasa, aerotermia ou hidrotermia, ademais de sistemas fotovoltaicos destinados ao autoconsumo.
As solicitudes que se presenten dentro do prazo e cumpran os requisitos establecidos nas bases serán tramitadas e resoltas por orde de entrada no rexistro, ata o esgotamento dos fondos dispoñibles. As solicitudes poderán presentarse ata o 7 de decembro, salvo esgotamento previo de crédito, e a intensidade da axuda dependerá do alcance do aforro acadado podendo chegar a un 50% e ata un 90%.