A Xunta de Galicia traslada o seu apoio á colectividade galega residente no Uruguai
O secretario xeral da Emigración, acompañado pola delegada da Xunta no Uruguai, reuniuse cos presidentes dos centros galegos de Montevideo na Delegación da Xunta na capital uruguaia
No encontro abordaron dúas citas importantes para a colectividade galega no exterior, que son o Consello de Comunidades Galegas, que se celebrará en Río de Xaneiro en novembro, e o Día da Galicia Exterior, que será en xullo no marco do Ano Xacobeo
Montevideo (Uruguai), 19 de setembro de 2026
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, reuniuse cos presidentes dos centros galegos de Montevideo na Delegación da Xunta na capital uruguaia, onde lles trasladou o apoio do Goberno galego ao seu labor.
No encontro, salientaron o importante traballo que desenvolven estas entidades en favor da colectividade galega e para difundir as tradicións galegas no país suramericano. Esta reunión enmárcase na aposta do Goberno galego por reforzar o traballo das entidades galegas no país, labor que conta coa presenza fundamental da Delegación da Xunta no Uruguai.
De feito, actualmente neste país hai máis dunha decena de entidades da colectividade galega, todas elas en Montevideo, e a entidade galega no exterior máis antiga do mundo está no Uruguai. Trátase do Centro Gallego de Montevideo, que ten as súas orixes no ano 1879.
Ademais, o secretario xeral puxo en valor o papel das entidades galegas do exterior como espazos de encontro e transmisión da cultura e das tradicións e animou aos alí presentes a seguir co compromiso de manter viva a identidade e fortalecer os vínculos con Galicia.
Tamén se mencionaron no encontro dous eventos importantes para a colectividade galega no exterior, que son o próximo Consello de Comunidades Galegas, que se celebrará en Río de Xaneiro en novembro, e o Día da Galicia Exterior, que terá lugar en xullo no marco do Ano Xacobeo.