Galicia valora a proposta da Comisión Europea para simplificar o FEMPA e insiste en reclamar a revisión da Política Pesqueira Común
A proposta, que agora deberán estudar o Consello da UE e a Eurocámara, recolle prioridades estratéxicas impulsadas pola comunidade xunto ás rexións periféricas marítimas, como a desburocratización, a renovación da frota e a remuda xeracional
A Xunta considera indispensable aproveitar a nova flexibilidade financeira para acometer unha reforma profunda das regras da PPC e garantir o protagonismo rexional e a soberanía alimentaria europea
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026
Galicia valora de xeito positivo a proposta que acaba de presentar a Comisión Europea na liña de simplificar o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e facilitar o acceso ao financiamento por parte do sector pesqueiro e acuícola, pero afirma en que este paso non pode substituír a necesaria revisión da Política Pesqueira Común (PPC).
O texto formulado pola Comisión, e que agora deberán estudar o Consello da UE e a Eurocámara, incorpora medidas que darían resposta a demandas que a Consellería do Mar vén defendendo nos últimos anos, tamén no marco da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), como son a redución de cargas burocráticas, a modernización da frota, a transición enerxética, a remuda xeracional e o apoio específico á pesca de pequena escala.
Neste senso, a Xunta considera especialmente relevante que Bruxelas propoña unha maior flexibilidade para a renovación de buques e para os investimentos vinculados á eficiencia enerxética. Nese senso, o financiamento europeo debe servir para actualizar unha frota envellecida e facela máis segura, eficiente e competitiva, e non unicamente para acompañar a súa diminución.
“Simplificar o financiamento como aparece nesta proposta sería un paso necesario, pero tamén hai que traballar para modernizar a Política Pesqueira Común”, sinala a conselleira do Mar, Marta Villaverde, quen reclama que a revisión do marco financeiro vaia acompañada da reforma daquelas regras que seguen xerando rixidez e dificultades operativas para o sector.
A posición galega defende un equilibrio efectivo entre os tres piares da sustentabilidade: ambiental, económico e social. As decisións de xestión deben ter en conta os seus efectos sobre o emprego, a rendibilidade das empresas e a continuidade das comunidades costeiras, xunto cos obxectivos de conservación dos recursos. Así mesmo, cómpre aproveitar a aposta da Comisión pola innovación e os proxectos piloto para revisar problemas pendentes da aplicación da obriga de desembarque a través dunha maior selectividade, base científica e flexibilidade por pesqueira.
Por outra parte, o Goberno galego considera que a remuda xeracional e a pesca artesanal deben ocupar igualmente un lugar preferente. Os apoios aos mozos precisan acompañarse de buques modernos e condicións de traballo atractivas a bordo, ao tempo que as ferramentas de financiamento deben adaptarse ás singularidades das pequenas frotas locais. Esta flexibilidade estaría encamiñada a reforzar tamén o potencial da acuicultura mediante seguridade xurídica e axilidade administrativa.
Soberanía alimentaria e descentralización
A conselleira subliña a dimensión estratéxica da pesca e da acuicultura para a seguridade alimentaria comunitaria, advertindo de que “Europa non debe aumentar a súa dependencia exterior mentres reduce a súa produción propia”. Por iso, é preciso que a futura gobernanza pesqueira incorpore criterios de competitividade e reciprocidade comercial fronte a terceiros países.
Para Villaverde, as rexións cunha elevada dependencia do mar deben contar cun papel protagonista e efectivo na aplicación desta nova flexibilidade orzamentaria, adecuando os fondos ás características reais das súas frotas e vilas costeiras. “Europa precisa dunha política pesqueira capaz non só de xestionar a actividade existente, senón de garantir que exista pesca europea no futuro”, conclúe a conselleira.