A Xunta colabora coa feira das San Lucas de Mondoñedo, que se celebrará entre os días 16 e 25 de outubro
Alfonso Villares participou na presentación da programación e lembrou que o Goberno galego apoia a declaración desta celebración como Festa de Interese Turístico Nacional
Mondoñedo (Lugo), 26 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia colabora coa feira das San Lucas, que se celebrará entre os días 16 e 25 de outubro en Mondoñedo. O delegado territorial, Alfonso Villares, estivo esta tarde na localidade para participar na presentación do evento, que organizan o Concello e a Asociación As San Lucas e que conta co recoñecemento de Feira de Interese Turístico de Galicia.
Villares destacou a longa historia e a singularidade da feira, que este ano cumpre a súa edición número 870, e lembrou que a Administración autonómica -a través de Turismo de Galicia- vén de informar favorablemente a solicitude do Concello de Mondoñedo para a súa declaración como Festa de Interese Turístico Nacional, tras comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos para este recoñecemento, que pon en valor os compoñentes históricos, culturais, tradicionais e turísticos da celebración.
As San Lucas deste ano comezarán co pregón de Luis Rego Valcarce, avogado, ex alcalde de Mondoñedo entre os anos 1999 e 2007, e impulsor da celebración do 850º aniversario da feira. Será o venres 16, ás 20,30 horas, no auditorio municipal Pascual Veiga.
A feira mantén a súa esencia e unha edición máis outorga aos cabalos o seu tradicional protagonismo, con citas destacadas como a baixada polas rúas na tarde do sábado 17, ou a Gran Feira de Gando Cabalar do domingo 18. Haberá tamén concursos morfolóxicos e espectáculos de doma nocturna.
No apartado musical destacan os concertos que ofrecerán Keepers e The Rapants -o sábado 17 ás 22,30 horas na praza do Seminario- e Abraham Cupeiro -o domingo 18, ás 17,00 e 19,30 horas na Catedral mindoniense-.
A feira contará ademais con verbenas con grupos e orquestras todas as noites. Completan o cartel outras propostas culturais e lúdicas, como o monólogo de David Perdomo, o venres 23 ás 20,30 horas no auditorio Pascual Veiga.