A Xunta outorga ao Concello de Ponteceso unha concesión de ocupación de 379 m2 para ampliar e rehabilitar o parque infantil do paseo fluvial

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático resolve así, en menos dun ano, a solicitude municipal presentada para abordar a mellora, modernización e ampliación dun equipamento público xa existente e destinado a uso lúdico e recreativo

O título autoriza exclusivamente a ocupación do dominio público marítimo-terrestre e non exime o Concello da obtención dos demais permisos, licenzas ou autorizacións

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

A Xunta de Galicia outorgou ao Concello de Ponteceso unha concesión para ocupar 379,6 m² de dominio público marítimo-terrestre (DPMT) destinados á ampliación e rehabilitación do parque infantil existente no paseo fluvial do municipio.

Con este novo título concesional, cuxo anuncio se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia e outorgado por un prazo de 30 anos, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático dá resposta á solicitude municipal para abordar a mellora e ampliación dun equipamento público xa existente. A resolución autonómica, ademais, prodúcese en menos dun ano desde que o Concello solicitara a concesión oficialmente.

En concreto, a actuación prevista mantén o uso lúdico e recreativo do parque e incorpora un circuíto de calistenia e novo mobiliario urbano. Con tal fin, o proxecto inclúe a substitución dos xogos infantís, do pavimento e do valado actuais, así como a ampliación da superficie para instalar o circuíto ximnástico indicado, mesas, bancos, papeleiras e unha fonte. A utilización do espazo será de carácter xeral, público e gratuíto.

As obras previstas deberán comezar como máximo en 12 meses e quedar rematadas nun prazo de 24 meses. Ademais, o título autoriza exclusivamente a ocupación do DPMT e non exime o Concello de Ponteceso da obtención dos demais permisos, licenzas ou autorizacións que resulten esixibles conforme á normativa sectorial.

Data de actualización: 07/10/2026