A Xunta outorga ao Concello de Pontevedra unha concesión de ocupación de 17.688 m² de terreos restaurados para destinalos a un parque público
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático resolve a solicitude municipal presentada en outubro de 2022 e cuxo ámbito de actuación afecta ao espazo natural de interese local Xunqueira de Alba, de competencia e xestión municipal
A intervención comprende a recuperación da cobertura vexetal e o plantado de sementes de diversas especies vexetais para formar un bosque mixto, a creación de dúas sendas peonís e a instalación de iluminación pública e mobiliario urbano
O título autoriza exclusivamente a ocupación do dominio público marítimo-terrestre e non exime o Concello da obtención dos demais permisos, licenzas ou autorizacións
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia outorgou ao Concello de Pontevedra unha concesión para ocupar 17.688 m² de terreos restaurados no dominio público marítimo-terrestre (DPMT), concretamente nas antigas parcelas da imprenta provincial e do parque de maquinaria da Deputación de Pontevedra.
Con este título concesional, cuxo anuncio publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, dáse resposta á solicitude presentada polo Goberno local en outubro de 2022 para destinar o ámbito ocupado —que afecta ao espazo natural de interese local (ENIL) Xunqueira de Alba, de competencia e xestión municipal— ao establecemento dun parque público.
En concreto, a actuación comprende unha zona onde se realizaron actuacións de acondicionamento do terreo coa recuperación da cobertura vexetal e o plantado de sementes de diversas herbáceas así como de especies vexetais para a formación dun novo bosque mixto de transición entre o bosque de ribeira actual e a zona verde anexa á rúa Martín Códax.
Ademais, as obras executadas incluían tamén a creación dunha senda de acceso á nova zona boscosa e doutro itinerario para conectar a rúa xa mencionada e o carreiro fluvial existente, ademais da instalación de iluminación pública e mobiliario urbano.
Por último, cómpre sinalar que o título autoriza exclusivamente a ocupación do DPMT e non exime o Concello de Pontevedra da obtención dos demais permisos, licenzas ou autorizacións que resulten esixibles conforme á normativa sectorial.