A Xunta autoriza a Inditex Renovables a construción dun parque eólico de preto de 20 WB no Porto Exterior da Coruña, no concello de Arteixo

O proxecto está destinado ao autoconsumo colectivo e permitirá subministrar enerxía renovable ao complexo de Inditex no concello coruñés e a outras empresas da dársena

Contará con tres aeroxeradores e inclúe a ampliación da subestación eléctrica transformadora e unha liña subterránea de alta tensión

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2026

A Xunta de Galicia autorizou a construción do parque eólico Porto Exterior de A Coruña, promovido por Inditex Renovables, no concello de Arteixo e cunha potencia de case 20 megavatios.

Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, coa que se dá luz verde ao proxecto destinado ao autoconsumo colectivo e, en concreto, á subministración de enerxía renovable ao complexo de Inditex e a outras empresas da dársena no concello coruñés.

A autorización permite a execución dun parque eólico de 19.8 megavatios (MW) de potencia total na contorna industrial do porto exterior de Punta Langosteira composto por tres aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, a ampliación da subestación eléctrica transformadora e unha liña subterránea de alta tensión.

Este proxecto, que recibiu a súa Declaración de impacto ambiental favorable (DIA) en decembro do ano pasado, prevé unha produción neta estimada de 52.368 MWh anuais, co que contribuirá notablemente a reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro.

Cómpre lembrar que as autorizacións administrativas previa e de construción outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionantes técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras previstas no proxecto promovido por Inditex.

Data de actualización: 09/10/2026