A Xunta abrirá a terminal de autobuses da nova estación intermodal da Coruña o próximo 3 de novembro
A apertura trasladará á nova terminal todo o tráfico da actual estación e suporá a reordenación dos cinco corredores de entrada e saída á cidade
Unha parada exterior permitirá reducir entre seis e oito minutos as viaxes dos servizos metropolitanos que saen do Teatro Colón
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026
A Xunta abrirá o próximo 3 de novembro a nova terminal de autobuses da estación intermodal da Coruña, o que implica unha reorganización dos cinco corredores de entrada e saída da cidade, ao trasladarse a esta nova infraestrutura todo o tráfico do transporte interurbano por estrada.
A día de hoxe, pola cidade da Coruña circulan 137 liñas e 180.000 servizos anuais que se corresponden con sete concesións do Plan de Transporte Público de Galicia. O acceso á cidade faise por cinco corredores diferentes en función da súa orixe e da vía principal pola que transitan. Deste xeito, divídense entre os que entran polas avenidas da Pasaxe, de Monelos, de Alfonso Molina, de Arteixo e de Fisterra. A reorganización implica adaptar estes traxectos de entrada e saída á localización da nova estación intermodal.
Para elaborar este novo deseño, a Xunta mantivo seis reunións técnicas co Concello da Coruña entre abril de 2025 e setembro de 2026. O obxectivo foi atopar a mellor solución para a reorganización dos corredores.
O corredor da avenida da Pasaxe, o de maior volume de servizos, canaliza as conexións con Culleredo, Oleiros, Cambre e Sada, ademais de liñas procedentes de Betanzos e Ferrol con acceso aos centros hospitalarios da cidade. As liñas que rematan na intermodal manterán o itinerario urbano de entrada, mudando a actual estación pola nova terminal.
As liñas deste corredor que continúan ata o Teatro Colón seguirán a facer o mesmo percorrido de entrada, sen pasar pola estación. Na saída desde o centro accederán directamente á intermodal pola avenida de Alfonso Molina e, a continuación, seguirán o percorrido pola Gaiteira e polos Castros.
O corredor da avenida de Monelos ten un uso máis reducido e inclúe exclusivamente servizos con saída da cidade desde o Teatro Colón. Conecta con Cerceda a través de Culleredo e Cambre. Ao igual que no corredor da avenida da Pasaxe, os autobuses circularán directamente pola avenida de Alfonso Molina ata a estación. Despois continuarán pola ronda de Outeiro para incorporarse á avenida de Monelos.
O corredor da avenida de Alfonso Molina conecta coas principais cidades galegas como Santiago de Compostela, Lugo e Ferrol, ademais de servizos metropolitanos con Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo e Betanzos. As liñas que rematan na intermodal accederán polas avenidas de San Cristovo e Enrique Salgado Torres ata a avenida de Arteixo. Na saída, circularán pola avenida da Sardiñeira e a ronda de Outeiro para incorporarse a Alfonso Molina.
Os servizos deste corredor que continúan ao Teatro Colón manterán o itinerario urbano de entrada e a parada de Alfonso Molina á altura da antiga estación de autobuses. Na saída desde o centro, accederán directamente pola avenida de Alfonso Molina á intermodal.
Polo corredor da avenida de Arteixo circulan servizos procedentes de Carballo, da Costa da Morte e de Arteixo. A proximidade da nova terminal permitirá un acceso directo desde esta avenida. Nas liñas que rematan na intermodal, este cambio reducirá o itinerario respecto da situación actual, tanto na entrada como na saída.
Os servizos que continúan ao Teatro Colón manterán o seu percorrido urbano, incorporando o acceso directo á intermodal. Na saída desde o centro accederán pola avenida de Alfonso Molina ás dársenas da nova estación.
O corredor da avenida de Fisterra tamén canaliza servizos procedentes de Arteixo, Carballo e da Costa da Morte, incluídas conexións cos polígonos industriais. As liñas que rematan na intermodal accederán directamente pola ronda de Outeiro e a avenida de Arteixo, adaptando o tramo final do percorrido.
Nas liñas deste corredor que pasan polo centro, manterase o itinerario ata Juan Flórez. Despois circularán pola avenida de Arteixo para acceder á intermodal. Na saída, conservarase o itinerario urbano actual, adaptando a conexión desde a nova estación.
Nova parada no exterior da estación intermodal
A nova estación intermodal permitirá incorporar unha nova parada no exterior da terminal para os servizos de curto percorrido que saen do Teatro Colón. Isto permitirá facer unha parada rápida sen entrar na estación. Actualmente, estes autobuses deben entrar na antiga estación para efectuar esa parada intermedia, o que alonga o percorrido.
A parada exterior dará servizo principalmente aos corredores da Pasaxe, Monelos e Alfonso Molina. Esta solución permitirá unha circulación máis áxil e reducirá entre seis e oito minutos o tempo de viaxe.
A parada definitiva situarase na avenida do Ferrocarril e entrará en funcionamento segundo se determine nas obras de acceso á intermodal que dependen do Concello da Coruña. A súa habilitación require adaptar a infraestrutura viaria e, mentres se completan estes traballos, desde o 3 de novembro funcionará de forma provisional a actual parada de Alfonso Molina situada á altura da antiga estación de autobuses.