A Xunta sinala o incremento de usuarios na liña conecta entre A Coruña e Lugo
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes defendeu no Parlamento a mellora que supón esta liña, ao haber máis servizos, máis conexións directas, máis autobuses e con máis prazas
Diego Calvo incidiu no Plan de transporte público de Galicia como plan vivo, con marxe e capacidade de adaptación ás necesidades cambiantes da cidadanía
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe no Parlamento de Galicia o incremento de usuarios na Liña Conecta entre A Coruña e Lugo, posta en marcha pola Xunta en xaneiro de 2025. Segundo sinalou, a previsión da demanda situábase en 40.000 persoas e o primeiro ano de funcionamento pechouse con 80.000. Para o conselleiro, os datos demostran a mellora substancial que supón esta liña para a mobilidade entre ambas as cidades, xa que hai máis servizos e máis conexións directas, así como máis autobuses e con máis prazas.
Diego Calvo detallou tamén as conexións entre A Coruña e Lugo, que suman en días laborables 19 buses por sentido, 16 deles da Liña Conecta, o que representa 2.100 prazas ao día. Na fin de semana hai oito autobuses, dos que seis son da Liña Conecta, sumando 940 prazas cada xornada. Ademais, “o 80% dos servizos realízanse con autobuses de 54 ou máis prazas, polo que, con carácter xeral, as prazas ofertadas atenden a demanda existente”, engadiu.
Canto ás datas puntuais nas que se completou a capacidade, o conselleiro sinalou que se activaron reforzos. Incidiu tamén no traballo de planificación e seguimento realizado sobre os distintos traxectos e frecuencias para reordenar horarios e percorridos co obxectivo de axustalos o máximo ás necesidades cambiantes da mobilidade dos usuarios.
O conselleiro referiuse ao Plan de transporte público de Galicia como plan vivo que, a pesar das limitacións técnicas e orzamentarias, ten marxe e capacidade de adaptación. Neste sentido, aclarou tamén que en momentos puntuais pode non ser posible atender toda a demanda, como acontece igualmente noutros transportes públicos cando completan a capacidade.