O DOG publica a ampliación en 300.000€ do crédito das axudas a menores de 36 anos para adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes

O crédito orzamentario da convocatoria aumentará dos 2M€ iniciais aos 2,3M€

Con esta modificación, poderán acceder ás axudas as persoas que adquiriron unha vivenda entre o 16 de outubro de 2025 e o 31 de decembro de 2025, un período que inicialmente quedaba excluído nos prazos da convocatoria publicada o 19 de agosto

A través desta liña de axudas finánciase a contía máxima do 20% do prezo de adquisición ou do custo da autopromoción, cun máximo de 15.000€ por vivenda

O prazo de solicitudes permanecerá activo ata o 16 de novembro

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a ampliación en 300.000€ do crédito das axudas para menores de 36 anos para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse esta Resolución coa que se aumentará a cobertura das axudas: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20261016/AnuncioC3Q2-141026-0001_gl.html

Con esta modificación, poderán acceder ás axudas aquelas persoas que adquiriron unha vivenda por compravenda no período comprendido entre o 16 de outubro de 2025 e o 31 de decembro de 2025, que inicialmente quedaran excluídas nos prazos establecidos na convocatoria publicada o 19 de agosto.

A convocatoria, dotada inicialmente dun orzamento de 2M€, que agora se amplía a 2,3M€, ten como obxectivo facilitar á mocidade o acceso a unha vivenda en réxime de propiedade, ben mediante a súa adquisición ou a través da súa propia promoción, nunha parcela ou soar de propiedade da persoa solicitante desta liña de axudas. No caso da autopromoción, as obras deben ter iniciado a partir do 1 de xaneiro de 2026.

O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro día 16 de novembro.

A contía máxima da axuda será do 20% do prezo de adquisición de vivenda ou do custo da autopromoción, sen incluír os gastos e tributos inherentes, cun máximo de 15.000 euros por vivenda. O prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, así como o custo da autopromoción da vivenda será igual ou inferior a 250.000 euros.

Estas axudas destínanse a vivendas que deberán ser residencia habitual e permanente durante un prazo de 5 anos desde a súa adquisición ou desde a finalización da obra, no suposto da autopromoción.

Data de actualización: 19/10/2026