Belén do Campo destaca o potencial do programa Xenoma Galicia para avanzar na prevención de enfermidades e ofrecer unha atención sanitaria máis persoalizada
A delegada da Xunta visitou a zona na que se iniciou esta semana a recollida de mostras de sangue para incorporar 977 novos participantes
A Coruña, 21 de outubro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto á coordinadora científica do proxecto Xenoma Galicia, María Brión e a directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, visitaron hoxe o Hospital Universitario da Coruña (CHUAC), onde comezou, o pasado luns, a toma de mostras de sangue correspondente á nova fase do proxecto Xenoma Galicia na área sanitaria coruñesa. Trátase dunha iniciativa de investigación que busca mellorar a prevención das enfermidades a través do coñecemento da información xenética da poboación.
Durante a visita, a delegada interesouse polo desenvolvemento do procedemento de extracción e polo traballo que se está a realizar para incorporar novos participantes a este estudo, impulsado pola Consellería de Sanidade e coordinado pola Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Dirección Xeral de Saúde Pública.
Belén do Campo salientou a importancia de avanzar cara a un modelo sanitario no que a investigación xenómica permita identificar determinadas predisposicións hereditarias antes de que se manifesten as enfermidades. Neste sentido, destacou que o coñecemento destas variantes pode facilitar a adopción de medidas preventivas, o seguimento clínico individualizado e, cando corresponda, o estudo dos familiares que poidan compartir ese risco.
Nesta etapa, o estudo céntrase na identificación de variantes xenéticas relacionadas co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch —asociada a un maior risco de determinados tumores, especialmente colorrectais e de endometrio— e a hipercolesterolemia familiar, unha alteración hereditaria que pode elevar os niveis de colesterol e aumentar o risco cardiovascular.
Preto de mil participantes na área sanitaria da Coruña
Para esta nova recollida de mostras enviáronse 4.884 mensaxes SMS de invitación, mediante unha selección aleatoria de persoas na área sanitaria da Coruña. O obxectivo é conseguir a participación de 977 persoas, que se incorporarán ao estudo a través dunha extracción de sangue.
As persoas que recibiron a invitación poden acudir con cita previa ao CHUAC ata o vindeiro 3 de decembro, en horario de tarde, entre as 15.30 e as 18.30 horas. Non é necesario acudir en xaxún e o persoal sanitario encargado do procedemento ofrecerá aos participantes toda a información necesaria sobre o proceso.
A recollida de mostras forma parte do despregamento progresivo desta fase do proxecto en Galicia. Durante estes días tamén se está a desenvolver na área sanitaria de Cee con novas extraccións, mañá, 22 de outubro, despois da xornada celebrada o pasado día 15 .
Máis de 3.100 mostras analizadas
Os resultados acadados ata o momento permiten comprobar a utilidade da investigación para identificar persoas portadoras de variantes xenéticas asociadas a un maior risco de desenvolver determinadas enfermidades.
Xenoma Galicia leva analizadas, desde o seu comezo en 2024, ata o de agora 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue foron na primeira fase piloto e 796 de saliva na segunda fase piloto
Agora, coa primeira fase do proxecto en marcha, que continúa estes días, xa foron analizadas 1.279 dos voluntarios que xa posibilitou atopar 25 casos positivos. Concretamente, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, 2 participantes deron positivo en síndrome de Lynch, e 9 en caso de hipercolesterolemia familiar.
En total, desde que comezou o proxecto Xenoma Galicia detectáronse 53 positivos: 19 do programa piloto de sangue, 9 do programa piloto de saliva e 25 no que se leva da primeira fase do proxecto en marcha. Deles, 30 positivos son de cancro de mama e ovario, 7 positivos para o Síndrome de Lynch, 1 positivo tanto para cancro de mama e ovario hereditario como para Síndrome de Lynch e 15 positivos en hipercolesterolemia familiar.
Estes achados refírense á identificación de variantes xenéticas de risco e non implican necesariamente que as persoas participantes teñan desenvolvida a enfermidade. A súa relevancia reside en que permiten valorar, en función de cada caso e mediante a correspondente atención sanitaria, posibles medidas de prevención, vixilancia e seguimento personalizado.
Un proxecto para impulsar a medicina preventiva en Galicia
Xenoma Galicia é unha iniciativa de investigación biomédica que pretende coñecer a variabilidade xenética da poboación galega para contribuír a mellorar as decisións clínicas relacionadas coa prevención, o diagnóstico e o tratamento das enfermidades.
O proxecto establece como obxectivo recompilar información xenética e clínica de 400.000 galegos de entre 35 e 70 anos ao longo de cinco anos, así como constituír un biobanco de mostras biolóxicas de 100.000 participantes que poida servir de base para futuras investigacións.
Belén do Campo destacou que a proporción de poboación participante convérteo nunha das iniciativas de maior envergadura do mundo no seu ámbito, situando á comunidade na primeira liña da investigación biomédica e farmacéutica nacional. Os seus descubrimentos permitirán predicir o risco de sufrir enfermidades antes de que aparezan os seus primeiros síntomas, facilitando o deseño de tratamentos e intervencións totalmente personalizados.
Esta iniciativa, coordinada pola Consellería de Sanidade e dirixida polos investigadores María Brión e Ángel Carracedo desde a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, impulsará o deseño de novos programas de prevención e detección precoz, sentando as bases dun sistema de cribado xenético sostible e equitativo para toda a sociedade.