Gómez Caamaño anima á cidadanía a vacinarse fronte á gripe e destaca que o 74 % das persoas de 80 ou máis anos xa están inmunizadas en Galicia

A cobertura vacinal acada xa o 57 % entre os maiores de 70 anos e un 38 % no grupo de 60 a 69 anos

No caso da poboación infantil, a cobertura sitúase no 58 % entre os nenos e nenas de 6 a 59 meses

O conselleiro lembra que a inmunización é unha ferramenta fundamental para reducir as complicacións, hospitalizacións e falecementos

A actual campaña incorpora como novidades a ampliación da vacina de alta carga ao grupo de 65 a 69 anos e a extensión do programa piloto de vacinación escolar a 75 centros educativos

O ensaio clínico Combogal conta xa con máis de 14.000 participantes e segue activo nos 14 hospitais do Sergas durante as fins de semana, abríndose agora a 65 centros de saúde de luns a venres

O obxectivo deste estudo é avaliar a mellor estratexia de inmunización fronte á gripe e á covid na poboación de 65 ou máis anos, comparando a administración dunha vacina combinada coa aplicación das dúas vacinas por separado

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, animou hoxe á cidadanía a vacinarse fronte á gripe e a covid e destacou os datos positivos de cobertura que está a rexistrar a campaña de inmunización 2026-2027, especialmente no colectivo de 80 ou máis anos, onde xa se acadou o 74 % de vacinados.

Fíxoo tras recibir a súa dose no servizo médico da Consellería de Sanidade, acompañado pola xefa do Servizo de Prevención e Control de Enfermidades da Dirección Xeral de Saúde Pública, Susana Mirás.

O conselleiro destacou que, segundo os últimos datos da campaña, a inmunización alcanza xa o 57 % entre os maiores de 70 anos e sitúase no 38 % no colectivo de 60 a 69 anos. Por outra banda, tamén segue avanzando a vacinación da poboación máis nova, cunha cobertura do 58 % entre os nenos e nenas de 6 a 59 meses e do 32 % no conxunto dos menores de 12 anos.

Nas súas declaracións aos medios, o conselleiro lembrou que a vacinación é unha das ferramentas máis eficaces para protexer a saúde individual e colectiva, incidindo no seu carácter solidario. Neste sentido, subliñou que as vacinas contribúen á protección das persoas máis vulnerables, reducindo o risco de complicacións graves, hospitalizacións e falecementos.

Gómez Caamaño agradeceu especialmente o traballo dos profesionais sanitarios que fan posible o desenvolvemento da campaña e sinalou que, polo momento, a incidencia da gripe continúa en estado basal e cunha tendencia estable.

Por último, lembrou que a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid continúa activa ata o 31 de decembro para todas as persoas ás que lles está recomendada a inmunización. Neste colectivo inclúense, ademais dos grupos de idade xa mencionados, as mulleres embarazadas, persoas con patoloxías de risco e persoas coidadoras, entre outras.

Novidades da campaña de vacinación fronte á gripe e a covid 2026-2027

Entre as principais novidades desta campaña figura a ampliación da vacina antigripal de alta carga ás persoas de entre 65 e 69 anos, que se suma á extensión realizada na campaña anterior, na que se incluía por primeira vez ao grupo de 70 a 79 anos.

Así mesmo, a Xunta ampliou este ano o programa de vacinación antigripal nos centros educativos ata 75 colexios, 20 máis que na pasada edición.

Outra das iniciativas destacadas foi a posta en marcha do ensaio clínico Combogal, que busca avaliar a mellor estratexia de vacinación fronte á gripe e á covid na poboación de 65 ou máis anos, comparando a administración dunha vacina combinada coa aplicación das dúas vacinas por separado.

O estudo, que comezou o pasado 17 de outubro nos hospitais públicos galegos, conta xa con 14.492 participantes, dos cales 4.500 se incorporaron durante a última fin de semana. Ademais, a semana pasada abriuse a participación no ensaio en 21 centros de saúde que se suman aos hospitais.

Na actualidade, están habilitados os 14 hospitais públicos durante as fins de semana, en horario de mañá e tarde, e de luns a venres, nun total de 65 centros de saúde.  As persoas de 65 ou máis anos interesadas en participar poden solicitar cita a través de Sergas Móbil ou no teléfono 900 842 217.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2026