Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica está constituído polo Manual de Nova arquitectura pedagóxica, o Manual de identidade corporativa e a Resolución do 3 de decembro de 2021 pola que se determinan como obrigatorio; así como polos proxectos de construción e reforma que se rexen por estes.

No Manual de nova arquitectura pedagóxica establécense unha serie de criterios, programas e actuacións que definen a singularidade da tipoloxía educativa, co obxectivo de alcanzar centros educativos de maior calidade a nivel ambiental, educativo, de saúde e benestar, de inclusión, igualdade e accesibilidade, e sostibilidade para as persoas usuarias.

O Manual de nova arquitectura pedagóxica será de obrigado cumprimento nos proxectos construtivos que definan as características dos centros públicos de nova creación, así como nas ampliacións dos centros. No resto de intervencións será de obrigado cumprimento sempre que as actuacións previstas sexan compatibles co espazo e características construtivas dos centros docentes públicos.

Co Manual de identidade corporativa dos centros educativos de Galicia preténdese normalizar os usos gráficos e crear unha imaxe homoxénea nos elementos de comunicación e sinalética para os centros educativos públicos dependentes da Xunta de Galicia.

O Manual de identidade corporativa dos centros educativos de Galicia será de obrigado cumprimento para todos os centros docentes públicos dependentes da Xunta de Galicia.

Avaliación e seguimento

O cumprimento do dito plan avalíase obra a obra dado que os manuais establécense como de obrigado cumprimento nos pregos de contratación. É o persoal técnico das unidades territoriais e central de obras e equipamentos da Consellería competente en materia de educación quen verifica se os manuais son aplicables e a súa aplicación efectiva de acordo coas circunstancias construtivas concretas.

 

Data de aprobación polo Consello da Xunta: 15/12/2021