O vicepresidente e o conselleiro de Cultura e Turismo inauguraron as actividades do stand de Galicia en Fitur coa presentación da programación do Ano Santo

A Xunta fai un chamamento para converter o Xacobeo 2021 na celebración global da mellor Galicia calidade

O Camiño de Santiago protagoniza o novo expositor nesta feira para promover o “acontecemento cultural máis importante de Europa” no inicio da década

Prevense máis de 8.000 actividades que os galegos compartirán con milleiros de visitantes e peregrinos “orgullosos do seu pasado e coa mirada no futuro”

O espazo galego en Madrid estrease cunha superficie de case 1.000m² na que están representadas todas as provincias, cidades e xeodestinos

A aposta polas novas tecnoloxías, co chamado ‘túnel do Camiño’, permite aos asistentes experimentar as sensacións de percorrer a Ruta Xacobea

Madrid, 22 de xaneiro de 2020.- O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inauguraron hoxe a actividade no stand de Galicia Feira Internacional de Turismo (Fitur) coa presentación Camiño ao Xacobeo 2021, onde fixeron un chamamento para converter o Ano Santo na celebración global da mellor Galicia calidade. Esta presentación, na que expuxeron os valores que inspiran este acontecemento e a súa programación, foi o punto de partida das numerosas actividades que se desenvolverán ao longo de cinco xornadas de intensa actividade promocional.

Os representantes do Goberno autonómico expuxeron o avance da programación deseñada para o Xacobeo 2021, coas primeiras iniciativas xa en marcha, así como dos valores que inspiran as accións impulsadas pola Xunta, coa sustentabilidade e a participación como referentes. Neste sentido, explicaron que incluirá máis de 180 proxectos que contemplan preto de 8.000 actividades nos 313 concellos da Comunidade ás que se prevé que asistan máis de sete millóns de persoas. Os milleiros de visitantes e peregrinos que se agardan compartirán esta conmemoración cos galegos, que tras máis dunha década sen celebrar un Ano Santo “miran ao futuro do novo ciclo xacobeo orgullosos do seu pasado”.

Durante o transcurso do acto, o vicepresidente da Xunta subliñou que a Xunta considera prioritaria a preparación do próximo Ano Santo, proba diso é que o Goberno autonómico avanzou a programación máis dun ano antes da súa celebración. Apuntou, ademais, que o próximo Xacobeo integrará valores tan importantes como a igualdade, a inclusión, a accesibilidade e a innovación; e xerará riqueza e emprego na comunidade autónoma.

Pola súa banda, o titular de Cultura e Turismo afirmou que o Camiño de Santiago é “un motivo de orgullo” para todos os galegos e que un dos obxectivos da Xunta é que a celebración do Ano Santo se converta no “acontecemento cultural máis importante de Europa”. “O Xacobeo é a nosa mellor tarxeta de visita e un acontecemento transversal que non se limita só a Santiago de Compostela, senón que abrangue toda España”, precisou.

Toda Galicia en 1.000m²

Co obxectivo de comezar unha intensa promoción do Xacobeo 2021, o stand de Galicia en Fitur está centrado precisamente neste aspecto. Así, entre outras novidades, o chamado túnel do Camiño recrea as sensacións que un peregrino experimenta a través dun un percorrido inmersivo de sons, vídeo e imaxes. Ademais, conta dun mapa interactivo cos dez itinerarios e un probador virtual con vestimentas e complementos propios dos peregrinos.

No renovado expositor, de case 1.000 metros cadrados, tamén están presentes elementos emblemáticos da cultura galega, como o pano propio do traxe tradicional, que viste parte do stand a modo de fío condutor, ou a icónica cuncha de vieira en diferentes formatos, tratamentos e posicións. Está dividido en distintas zonas habilitadas para presentacións, reunións de traballo, degustacións e información e atención aos visitantes.

Aberto ao longo de cinco xornadas, as tres primeiras para profesionais e a fin de semana para o público, acolle desde hoxe máis de 40 presentacións e máis de 16 espazos divulgativos nos que estarán representados os principais elementos que caracterizan á nosa Comunidade como destino. Así pois, dispón dun área dedicado ás catro provincias, ás sete cidades e aos distintos xeodestinos. Do mesmo xeito, ten unha presenza destacada as candidaturas a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra, Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas ou Ferrol da Ilustración, así como outros elementos destacados do noso turismo como o Entroido, o turismo rural, o turismo activo ou deportes como o surf e o mergullo.

Imaxes relacionadas