A Xunta vén de mellorar a estación de tratamento de auga potable de Canaval, en Sober, cun investimento de 32.000 euros

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, lembrou que recentemente tamén rematou no municipio a ampliación da rede de saneamento aos núcleos de Ferrón, Suairexa e O Piñeiro, cun investimento de 243.000 euros

Sober (Lugo), 24 de xaneiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de realizar, a través de Augas de Galicia, melloras na Estación de Tratamento de Auga Potable de Canaval (Sober) para incrementar os seus niveis de rendemento e a seguridade das instalacións, para o que destinou un orzamento de 32.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se renovaron elementos como un grupo hidráulico e unha bomba soplante, e se procedeu ao baleirado e limpeza dun dos filtros de area. Estas actuacións garanten o axeitado funcionamento das bombas de impulsión de auga e un eficaz proceso de limpeza, favorecendo o correcto aireado para remover partículas en suspensión e lodos.

Balseiro lembrou que Augas de Galicia tamén rematou recentemente no municipio os traballos que dotaron da rede de saneamento aos núcleos de Ferrón, Suairexa e O Piñeiro, na parroquia de Santa María de Bolmente, cun investimento de 243.000 euros cofinanciados con fondos Feader.

Para elo, construíuse un colector principal de 1,2 quilómetros e ramais secundarios que suman case 2 quilómetros de lonxitude, así como unha depuradora para unha poboación equivalente de 120 habitantes e outros elementos necesarios para o funcionamento do sistema de depuración.

Balseiro lembrou que este tipo de colaboracións entre a Xunta e os concellos garanten a subministración de auga á cidadanía en condicións óptimas de calidade e cantidade, e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga, xa que se avanza nas obras de infraestrutura necesarias para mellorar o uso dos recursos hídricos, contribuíndo así a un consumo responsable.