A Xunta mantén o seu compromiso coa mobilidade eficiente en 2020 e convoca novas axudas para a adquisición de vehículos máis sostibles

A orde que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) estará aberta desde o luns, 3 de febreiro, para a adhesión das entidades colaboradoras e a partir do 21 de febreiro para a cidadanía e as empresas

Os apoios van dos 2000 aos 2500 euros dependendo do tipo e do volume de emisión do propio vehículo e concederanse por orde de chegada da solicitude

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2020.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mantén o seu compromiso cunha mobilidade sustentable e pon en marcha unha nova convocatoria do Plan de Mobilidade Eficiente para favorecer a renovación de turismos e furgonetas con axudas dirixidas a particulares, autónomos e empresas. As solicitudes serán tramitadas a través das entidades colaboradoras, que se poderán inscribir desde o 3 de febreiro e adherirse ao longo da vixencia do plan. O prazo de solicitude para os particulares, autónomos e empresas comezará o 21 de febreiro.

A cifra dos apoios variará dependendo do volume de emisións do vehículo: desde os 2000 euros, con 1000 euros repartidos equitativamente entre Xunta e concesionarios, aos 2500 (1500 a Administración e 1000 os postos de venta). O requisito principal para participar neste programa será posuír un coche con máis dunha década de antigüidade, ou 5 anos no caso de furgonetas, propiedade do solicitante ou dun familiar de primeiro grado. As axudas concederanse en concorrencia non competitiva, é dicir, establecendo prioridade para os que primeiro presenten a súa petición.

O novo vehículo adquirido deberá respectar unha serie de condicións, incluíndo contar cun prezo inferior aos 40.000 euros, e emitir un máximo de 120 gramos CO2/quilómetro no caso de turismos e furgonetas de ata 2500 quilogramos, e 185 gramos CO2/quilómetro para o resto de furgonetas. Os particulares poderán adquirir un único vehículo con axuda e as empresas ata 10.

O plan contará cun orzamento de 700.000 euros da Xunta. As estimacións proxectadas cifran en que os turismos e furgonetas renovados que se acollan a este plan mobilizarán 12 millóns de euros. A previsión é crear un cento de empregos directos, cunha repercusión medioambiental que servirá para rebaixar ata 425 toneladas de emisións de CO2. O aforro estimado para os usuarios será de 190.000 euros anuais.

Con esta iniciativa, o Goberno galego busca renovar o parque automobilístico galego para ofrecer vehículos máis efectivos e respectuosos co medio ambiente, que ofrezan seguridade e que conten cos últimos deseños en innovación. Deste xeito, o plan concíbese como un estímulo para a industria galega da automoción, na procura de aumentar o número de vendas do sector, consensuando con este un programa de axudas que trasladen a confianza necesaria aos consumidores.

Imaxes relacionadas