O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe por videoconferencia co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas

A Xunta avalía coa Federación Galega de Comercio as medidas de prevención no sector fronte ao coronavirus

Abordaron os apoios solicitados desde Galicia ao Goberno, como o aprazamento de impostos e taxas; axudas para dotar de liquidez ao tecido produtivo e a bonificación do 100 por cento da cota de autónomos; ao tempo que a Xunta estuda como complementar estas iniciativas con apoios no eido laboral e económico

Na xuntanza repasaron tamén as medidas aprobadas polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop) da Xunta de Galicia que entraron en vigor onte mesmo

O decreto especifica que pode abrir o comercio minorista de bens de primeira necesidade, como os establecementos alimentarios

Tamén aqueles que deben subministrar ao sector primario, gandeiro, pesqueiro e agrícola elementos necesarios para o seu correcto funcionamento

Precisa que todos os establecementos comerciais de primeira necesidade terán liberdade horaria para fixar, sen limitacións, o peche e a apertura dos seus establecementos comerciais

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe por videoconferencia co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, para avaliar as medidas de prevención fronte ao coronavirus adoptadas polo sector, así como as solicitudes trasladadas ao Goberno central e que a Xunta estuda complementar con apoios no eido laboral e económico.

Entres as principais medidas trasladadas ao Goberno figuran o aprazamento de impostos e taxas ao sector; apoios para dotar de liquidez ao tecido produtivo e a bonificación do 100 por cento da cota de autónomos. Neste sentido, o conselleiro destacou que, tendo en conta que a prioridade é o ámbito sanitario, o obxectivo é promover iniciativas que permitan manter o emprego e atenuar o impacto económico no sector.

Xunto con isto, na xuntanza avaliáronse, ademais, as medidas de prevención fronte ao coronavirus, recollidas no Diario Oficial de Galicia, que foron aprobadas polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop) da Xunta de Galicia e entraron en vigor o pasado luns 16 de marzo.

No tocante á actividade comercial minorista permitida en Galicia, este decreto especifica que poden abrir os establecementos que ofertan bens de primeira necesidade. É o caso do comercio de alimentación: froiterías, carnicerías, peixerías, panadarías e pastelerías, tendas de licores e calquera outro tipo de produtos alimentarios. Tamén establece que poderán permanecer abertas as gasolineiras, as tendas de informática, de servizos audiovisuais e de telefonía, as tendas de animais, os quioscos de prensa e papelería, as farmacias, parafarmacias, ópticas e ortopedias.

Manterán, tamén, a súa actividade, as tendas de sementes e fertilizantes, e o comercio ao retallo de pintura e vidro en establecementos especializados, en tanto que se trata de actividades que deben subministrar ao sector primario, gandeiro, pesqueiro e agrícola elementos necesarios para o seu correcto funcionamento.

O documento establece, ademais, que seguirá prestando servizo o sector financeiro: bancos, aseguradoras e inmobiliarias; os servizos de saúde como clínicas, laboratorios, dentistas, médicos, fisioterapeutas, pedagogos, psicólogos e veterinarios. Tamén as lavandarías, os técnicos reparadores, os avogados, notarías e xestorías, os servizos funerarios e de venda automática.

Flexibilidade horaria

Así mesmo, o documento precisa que todos os establecementos comerciais de primeira necesidade terán liberdade horaria para fixar, sen limitacións, o peche e a apertura dos seus establecementos comerciais.

Sobre a permanencia nos establecementos comerciais cuxa apertura estea permitida, deberá ser a estritamente necesaria para que os consumidores poidan realizar a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade, quedando suspendida a posibilidade de consumo de produtos nos propios establecementos. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan unha distancia de seguridade a fin de evitar posibles contaxios. Os encargados dos establecementos e persoal de seguridade serán os directamente responsables de facer cumprir estas medidas.

A Federación Galega de Comercio é unha das entidades coas que se reuniu onte o conselleiro para poñer á súa disposición a guía elaborada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), onde se recollen as medidas de prevención fronte ao coronavirus que se deben adoptar en todos os centros de traballo.

Imaxes relacionadas