A Xunta sinala a transformación dixital e as medidas de prevención fronte á covid-19 como claves para a reactivación do comercio

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou nun webinario impulsado polo centro ourensán La Molinera, no que informou das novas liñas Reactiva Comercio e Servizos Seguros

Estes programas contan con 16M€ para apoiar a adaptación dos establecementos e adquirir equipos de protección fronte á covid-19

A Administración autonómica tamén vén de apoiar axudas por 16 millóns de euros para impulsar a dixitalización do sector comercial, os autónomos e as pemes
 

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2020

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, sinalou hoxe nun webinario sobre o novo comercio impulsado polo centro ourensán La Molinera que a aposta pola transformación dixital e a implantación de medidas de prevención fronte á covid-19 son claves para a reactivación do comercio de proximidade, combinando as vendas físicas coas vendas en liña e buscando achegar a máxima confianza ao consumidor.

Na súa intervención, Sol Vázquez informou das novas liñas de axudas Reactiva Comercio e Servizos Seguros, que vén de poñer en marcha a Xunta para facilitar a volta á actividade dos sectores do comercio, o turismo, os servizos e o transporte, en condicións de confianza para os consumidores. Estas dúas iniciativas, dotadas con 16 millóns de euros, teñen como obxectivo cubrir os gastos realizados para a adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.

No encontro, a directora xeral de Comercio e Consumo fixo fincapé en que os Reactiva Comercio e Servizos Seguros serven tanto para atender aos gastos das medidas que se implanten agora como as xa realizadas desde a declaración do estado de alarma. E lembrou que mediante unha tramitación rápida e sinxela -que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados-, autónomos, pemes e entidades de economía social poden solicitar os apoios ata o vindeiro 31 de xullo.

Para facilitar a xestión, os solicitantes das axudas de calquera das dúas liñas terán a posibilidade de utilizar o Igape Responde, a xanela única de consulta habilitada pola Xunta para asesorar a autónomos e pemes sobre as liñas postas en marcha para impulsar a reactivación da actividade empresarial e comercial, dispoñible no correo electrónico igaperesponde@igape.es e no teléfono gratuíto 900 815 151.

Vázquez destacou ademais que a Xunta conta coa plataforma gratuíta de autodiagnóstico online dispoñible no enderezo web comerciosegurogalicia.gal, coa que autónomos e pemes poden obter unha análise do seu nivel de preparación fronte ás necesidades de prevención e planificar as medidas que se deben acometer. Ademais, poden solicitar a súa adhesión á plataforma Comercio Seguro.

Apoios á dixitalización

Por outra banda, a directora xeral de Comercio e Consumo sinalou que, no ámbito da dixitalización, a Xunta vén de activar tres novas liñas de apoio destinadas ao comercio, o colectivo autónomo e as pequenas e medianas empresas por 16 millóns de euros para facilitar a súa adaptación á situación derivada da covid-19 e, polo tanto, a reactivación do tecido produtivo galego. Así, poden solicitarse as axudas do programa dos cheques de dixitalización e do Galicia Exporta Dixital, así como o programa de dixitalización para pemes.

Imaxes relacionadas