O presidente da Xunta presidiu este mediodía o acto de apertura do curso académico universitario 2020/2021, na Universidade de Vigo
Subliña que a colaboración permitiu anticipar medidas que fan posible que o curso se inicie con garantías; e confirma que a Xunta transferirá 3 millóns para facer fronte aos gastos extraordinarios deste inicio de curso
Vídeo do acto
Recorda que as universidades galegas teñen blindadas desde hai unha década as achegas da Administración e, desde 2018 superaron o nivel de transferencias que tiñan antes da crise
Refírese á Aula Integra da Universidade de Vigo como exemplo de excelencia, así como ao programa de probas PCR mediante saliva e pooling, o primeiro de toda España que permitirá realizar 100.000 probas ao mes
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe ao papel motriz das universidades galegas, que estará acompañado por un Plan de financiamento universitario 2022/2026, “que estamos negociando xa e que fixará os obxectivos básicos en docencia, investigación e transferencia de coñecemento”, confirmou.
“Logramos a calidade e agora toca traballar na procura da excelencia académica”, aseverou, recordando que con ese rumbo establécese o pacto para o mapa de titulacións, que supón a entrada de 13 novos graos ao sistema universitario; o incremento de prazas nun título axústase a criterios precisos, como a demanda e a necesidade social ou a taxa de empregabilidade; e realizouse, tamén, a primeira convocatoria en España de Máster de Excelencia, así como a convocatoria de Excelencia Académica para o alumnado, ademais de mellorar a convocatoria dos Premios Fin de Carreira.
Así mesmo, recordou que as universidades galegas teñen blindadas desde hai unha década as achegas da Administración e, desde 2018 superaron o nivel de transferencias que tiñan antes da crise.
“En 2020, os recursos públicos asignados acadan os 443 millóns de euros, un teito histórico”, lembrou, subliñando que esta estabilidade beneficia tamén á investigación, mediante un marco definido para o período 2019-2022, que se traduce nunha inxección de 20,5 millóns de euros, aspirando a unha investigación universitaria competitiva no terreo de xogo internacional.
Neste liña, referiuse á Aula Integra da Universidade de Vigo, así como ao programa de probas PCR mediante saliva e pooling, levado a cabo pola Fundación Biomédica Galicia Sur, que visitou esta mañá no Hospital Universitario Álvaro Cunqueiro, como exemplos de excelencia, como exemplos dunha resposta “excelente” á situación extraordinaria que estamos a vivir. Non en van, o programa de probas PCR mediante saliva e pooling é o primeiro de toda España e permitirá realizar 100.000 probas ao mes.
As universidades: institucións tractoras que fan forte a Galicia
Durante a súa intervención no acto de apertura do curso académico universitario 2020/2021, na Universidade de Vigo, o titular do Goberno galego reiterou a aposta da Xunta por tres proxectos tractores, “que poderán ser máis”, para pilotar a reactivación da economía e sentar as bases da economía galega na vindeira década.
“Grandes proxectos tractores onde as administracións serán so unha pequena parte, xa que ademais delas, precisaremos para a súa implantación da implicación dos axentes sociais, de empresas, sindicatos e traballadores e tamén, das universidades”, explicou, incidindo en que as universidades galegas son parte das institucións tractoras que fan forte a Galicia, capaces de estimular a creatividade, o enxeño e o talento.
“Falamos de institucións que tenden pontes que axudan a comunicar mellor o noso país. Pontes entre o pasado e o futuro, entre o coñecemento e a sociedade, pontes entre galegos de diferente orixe e pensamento que, cada día nas aulas, nos laboratorios, nos centros de investigación, traballan, ensinan e aprenden xuntos”, abundou.
Medidas para iniciar o curso con garantías
Feijóo concluíu subliñando que a colaboración entre as universidades e a Xunta permitiu anticipar medidas que fan posible que o curso se inicie con garantías: coa aprobación de plans de continxencia, que contemplan tres escenarios para as distintas situacións sanitarias e con plans de prevención sanitaria axustados a cada centro. Por outra banda, no mes de abril establecéronse os requisitos para a docencia non presencial, de maneira que non supoña unha diminución da calidade e fixáronse os cambios na guía docente de cada materia de grao ou máster.
“E Sabemos que manter uns estándares axeitados esixe recursos, e por iso a Xunta vai transferir 3 millóns de euros para facer fronte aos gastos extraordinarios deste inicio de curso”, engadiu.