A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe ás mozas e mozos da Asociación Xeración, impulsora do proxecto

Política Social apoia a limpeza da ruta inglesa a Santiago de Compostela ao seu paso por Ferrol a través do programa Iniciativa Xove

O programa de actividades inclúe unha campaña de promoción en redes sociais e a realización dun mural cunha mensaxe a prol da natureza no castro de Lobadiz

Ferrol, 8 de outubro de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu hoxe de primeira man o proxecto medioambiental que está a desenvolver a Asociación Xeración e que se centra, entre outras actuacións, na limpeza de contornas naturais situadas no Camiño Inglés a Santiago de Compostela ao seu paso por Ferrol e municipios da bisbarra. Esta proposta, que conta co apoio do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, tamén contempla accións de sensibilización sobre a importancia de coidar o patrimonio natural.

Cristina Pichel subliñou o feito de que este proxecto —como o resto dos que se levan a cabo dentro de Iniciativa Xove— estea liderado por xente nova, que “é a protagonista e a encargada de deseñar, planificar e desenvolver o programa de actividades”. Neste caso en concreto, o proxecto da Asociación Xeración inclúe unha campaña de promoción a través de internet e das redes sociais, un mural cunha mensaxe a prol da defensa da natureza no castro de Lobadiz e catro intervencións de limpeza de espazos públicos e naturais situados na ruta de peregrinación inglesa á capital galega.

A través do programa Iniciativa Xove, a Administración autonómica contribúe a que se materialicen 86 proxectos impulsados pola xuventude galega. En total, a axuda a estas propostas ascende a 400.000 euros e benefician directamente a máis de 400 mozas e mozos como promotores das mesmas.

Imaxes relacionadas