A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, reuniuse co presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, e con representantes desta entidade

Ethel Vázquez pide ao Concello da Coruña aclarar se quere que a Xunta retire a súa oferta de investir 20 M€ na fachada marítima e como vai garantir a titularidade pública dos peiraos

Vázquez Mourelle lamenta a oposición do Concello á proposta e ao investimento autonómico e insta a aclarar se prevé que esa achega sexa do Concello e de Portos do Estado

Remarca que o presidente Feijóo acadou o compromiso do ministro de Transportes de licitar en verán as obras da conexión ferroviaria de Punta Langosteira

Pon en valor este fito para fortalecer o tecido produtivo da provincia, pero precisa que cómpre aprobar o proxecto e tramitar as expropiacións de forma inmediata

Informa de que, a solicitude da Xunta, a Comisión do Arco Atlántico trasladou á Comisión Europea que o Corredor Atlántico inclúa as conexións A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte de Lemos

Remarca a aposta da Xunta coa Coruña, coa construción do hospital público e o impulso da estación intermodal como gran centro de transporte público da área

A Coruña, 6 de maio de 2021

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pide ao Concello da Coruña aclarar se quere que a Xunta retire a súa oferta de investir 20 millóns de euros na fachada marítima e como vai garantir a titularidade pública dos peiraos.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, e con representantes da entidade.

Sinalou que este encontro se enmarca no diálogo entre a Administración autonómica e o sector empresarial, continuando así as xuntanzas das últimas semanas, tanto co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, como con distintas federacións provinciais.

No encontro abordáronse dous temas directamente relacionados: a situación da Coruña no Corredor Atlántico de Mercadorías e a conexión de Punta Langosteira e o futuro do Porto.

No que se refire ao Porto da Coruña, a conselleira lamentou a oposición onte do Concello á proposta autonómica de achegar ese orzamento de 20 M€. Instou á Administración local a clarificar a súa alternativa para garantir a titularidade pública dos peiraos e se a súa proposta é que ese orzamento o acheguen o Concello e Portos do Estado.

Remarcou a enérxica defensa da Xunta sobre a urxencia a conexión ferroviaria de Punta Langosteira e lembrou que o presidente Feijóo conseguiu un compromiso do ministro de Transportes de licitar as obras en verán.

Puxo en valor este paso fundamental para a viabilidade do Porto Exterior e para fortalecer o tecido produtivo da provincia, pero precisou que cómpre que se dean pasos para aprobar o proxecto e tramitar as expropiacións de forma inmediata.

Explicou que o tren é imprescindible para liberar os peiraos interiores e para a recuperación da fachada marítima para o uso público, garantindo a viabilidade económica do Porto.

En relación co Corredor Atlántico, a conselleira informou de que a Xunta vén de recibir a confirmación de que a Comisión do Arco Atlántico aceptou a demanda autonómica e trasladou oficialmente á Comisión Europea a solicitude de que o trazado do Corredor Atlántico inclúa as conexións da Coruña con Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte de Lemos.

Sinalou que o Goberno galego, no marco da consulta pública aberta pola UE con motivo da modificación do Regulamento comunitario sobre as redes transeuropeas de transporte, puxo sobre a mesa esa proposta.

Salientou que esta confirmación é unha boa nova que agarda que se traduza en proxectos e investimentos concretos para a modenización desa conexión ferroviaria, coa fin de poder transportar as mercadorías galegas en condicións de tempo e custo realmente competitivas.

Fixo fincapé en que estar no Corredor Atlántico abre esa posibilidade e así se acaba de ver coa confirmación de que a conexión ferroviaria de Punta Langosteira poderá ser financiada con fondos europeos.

Lembrou que Galicia, Asturias e Castela e León, mediante unha alianza entre os gobernos e o sector empresarial, conseguiu no ano 2018 que se corrixise o erro histórico que deixaba o noroeste da península fóra do trazado do Corredor Atlántico.

A este respecto, as autoridades comunitarias aceptaron incluír a liña ferroviaria que vai de Palencia a León e de aí a Monforte, Ourense, Vigo e A Coruña no trazado do Corredor Atlántico.

Ethel Vázquez recordou a aposta pola Coruña que está a realizar a Xunta, coa construción do hospital público e o impulso da nova estación intermodal como gran centro de transporte público desta área.

Imaxes relacionadas