A Xunta licita por 1M€ o subministro de mobiliario para os xulgados galegos, incluída a Cidade da Xustiza de Vigo
O Goberno galego dotará aos órganos xudiciais da comunidade do equipamento necesario para levar a cabo as súas funcións
O contrato estará vixente ata o 30 de decembro de 2021 e adxudicase por prezos unitarios, ao tratarse de previsións de consumo que se concretarán segundo as necesidades de cada sede xudicial
A Xunta vén de publicar na plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación do subministro de mobiliario de oficina para a Administración de Xustiza de Galicia. Esta actuación suporá un investimento de 1 millón de euros por parte do Goberno galego co obxectivo de dotar aos órganos xudiciais da comunidade para o deseño das súas funcións. A licitación inclúe 58 sedes xudiciais, entre elas a futura Cidade da Xustiza de Vigo.
Entre os artigos que ofertarán os licitadores inclúense mesas, armarios e cadeiras para despachos e oficinas; mesas para salas de vistas; armarios e estantes metálicos para arquivo ou carros de transporte de expedientes e caixas fortes.
As entregas realizáranse aos 58 órganos xudiciais escollidos en función das súas necesidades, así como calquera outro servizo de nova creación durante a vixencia do contrato ata o 30 de decembro de 2021 e as empresas disporán ata o 11 de xuño para presentar as súas ofertas.
O contrato adxudicarase de forma sucesiva e por prezos unitarios sen establecer unha desagregación territorial das necesidades nin establecer as cantidades concretas que se consumirán durante a súa execución, ao tratarse de previsións de consumo que se irán concretando en función das necesidades das distintas dependencias.
A empresa adxudicataria deberá presentar un catálogo onde se recolla todo o mobiliario a subministrar e os licitadores deberán achegar coas ofertas unha ficha de cada un dos artigos cumprindo coas características técnicas e requisitos mínimos detallados no expediente de contratación. Ademais encargarase de tódalas tarefas relacionadas coa instalación, desde o transporte á montaxe, así como a retirada do mobiliario antigo.