A Xunta de Galicia oferta nove campamentos de verán en Ourense
Dende hoxe xa se pode solicitar praza nun dos 40 campos de voluntariado
O lema da campaña será ‘O verán que mereces’ para agradecer o comportamento exemplar da mocidade galega durante os últimos meses de pandemia
Como novidades na provincia de Ourense incorpóranse dúas novas instalacións: o Albergue de Bande- Reserva da Biosfera Gerês-Xurés e o Albergue A Fábrica da Luz (Parada de Sil).
A Xunta de Galicia abre a inscrición dalgunhas das actividades que conforman a campaña de verán, que este ano se pon en marcha baixo o lema 'O verán que mereces’. Desde hoxe pódese solicitar praza nun dos 40 campos de voluntariado e, ademais, o DOG publica a convocatoria dos campamentos de verán para as mozas e mozos de entre 9 e 17 anos, polo que a partir de mañá xa se permitirá a recepción de solicitudes.
O programa de actividades, que se desenvolverá nos meses de xullo, agosto e setembro, porá á disposición da xuventude galega un total de 7820 prazas, mil máis que o ano pasado. O Goberno galego manterá as bases do protocolo específico fixado o ano pasado para os campamentos de verán. Deste xeito, continuarase a implantar medidas como a redución do aforo, a incorporación gradual das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor ou o incremento das medidas hixiénico-sanitarias.
Campamentos en Ourense
Na provincia de Ourense haberá nove recintos habilitados para o desenrolo dos campamentos xuvenís para 879 menores de 9 a 17 anos. Son o albergue Penedos de Xacinto (Entrimo), a estación de montaña de Manzaneda, o albergue Equal (Coles), Complexo O Corgo (Muíños), Albergue Xuvenil de Vilariño de Conso, o albergue de San Xoán de Río, a Residencia de Tempo Libre de O Carballiño e como novidades deste ano incorpóranse dúas novas instalacións: o Albergue de Bande- Reserva da Biosfera Gerês-Xurés e o Albergue A Fábrica da Luz (Parada de Sil).
Haberá ademais unha convocatoria específica para as persoas con capacidades diversas de entre 11 a 45 anos con 45 prazas na Residencia de Tempo Libre de O Carballiño.
O prazo de solicitude será de sete días hábiles no caso dos campamentos a partir de hoxe xoves. As familias numerosas e monoparentais terán un desconto do 50%, e as persoas usuarias do Carné Xove gozarán dunha rebaixa do 25%. As solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía telemática a través da Sede Electrónica. Na páxina de Xuventude hai dispoñible máis información ao respecto.
Campos de voluntariado
Para os campos de voluntariado celebrados en Galicia, o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada campo. Para os campos de voluntariado noutras comunidades autónomas habilítanse dúas convocatorias, a primeira delas remata o día 21 de maio ás 14.00 horas. A segunda convocatoria abrirase o 1 de xuño e permanecerá aberta ata cinco días antes do inicio do campo.
Na provincia de Ourense haberá sete campos de traballo cun total de 85 prazas, en Larouco, Pereiro de Aguiar, Celanova, Muiños, Esgos, Monterrei e Vilariño de Conso.
A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante debe escoller, por orde de prioridade, un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.