A Xunta anuncia a ampliación do IES Pedro Floriani en Redondela

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, abordou nunha reunión coa alcaldesa Digna Rivas varias cuestións relacionadas co ámbito educativo

Confirmoulle o visto e prace ao proxecto técnico do Concello para a instalación dunha pista de atletismo no IES San Simón pendente da firma dun convenio

A unidade técnica valorará a cobertura da pista polideportiva do IES de Chapela e xa está autorizada a reposición das fiestras no CEIP Outeiro de Penas

Vigo, 28 de maio de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas,coa que abordou varias cuestións relacionadas co ámbito educativo. Entre elas, informoulle da próxima licitación das obras de ampliación do IES Pedro Floriani que sumará catro novas aulas, dando resposta á demanda existente.

Por outra banda, a representante autonómica confirmoulle o visto e prace da Xunta ao proxecto técnico do Concello para a instalación dunha pista deportiva no IES San Simón, pendente unicamente da firma dun convenio co departamento autonómico para a realización das obras, que asumirá na súa totalidade a Administración local.

En canto ao IES de Chapela, Fernández-Tapias trasladoulle que a primeira preocupación debería ser o impacto do ruído da AP-9 e a necesidade urxente de instalar pantallas acústicas que o mitiguen, extremo que lle corresponde ao Goberno central. E no caso do CEIP Outeiro de Penas informoulle da autorización para a reposición das fiestras.

Respecto ao CEP de Reboreda confirmoulle que vénse de enviar 40.000 euros para reformas a criterio do centro e indicoulle que se valorará intervir nos falsos teitos e as luminarias no CEIP Alexandre Bóveda.

Xa por último, sobre o arranxo da pista cuberta do CEIP de Cedeira, a delegada informou que está actuación queda pendente de que o Concello clarifique a situación urbanística do centro co obxectivo de garantir que o volume de edificabilidade se axusta a normativa e comprobar con Patrimonio que non estea afectado pola súa proximidade á igrexa.

Imaxes relacionadas