A conselleira do Mar acompañou ás rapazas e rapaces do campamento de verán de Narón no obradoiro da iniciativa ‘Fai clic ao teu bocata’

A nova campaña da Xunta para a promoción do consumo de conservas de produtos do mar chega a 1.400 nenas e nenos en xullo e agosto

Esta cifra súmase aos arredor de 4.200 escolares que alcanzou a iniciativa nos centros de ensino entre o seu inicio no mes de abril e xuño, o que suporá un alcance de máis de 5.500 despois de agosto

Substitúe a ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’ e é unha das accións que se inclúen na estratexia global da Consellería do Mar de fomento do consumo dos produtos pesqueiros GALICIA SABE AMAR

Busca familiarizar dun xeito ameno e lúdico ao público de entre 5 e 16 anos coas conservas de peixes e mariscos e transmitirlles os beneficios nutricionais de incluílas na dieta

Narón (A Coruña), 25 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañou hoxe ás nenas e nenos do campamento de verán do concello de Narón nos obradoiros da nova campaña Fai clic ao teu bocata, estreada pola Xunta no último curso para promover o consumo de conservas de produtos do mar entre o público infantil e que releva a Ponlle as pilas ao teu bocata. Alí a titular de Mar salientou que esta iniciativa vai máis alá do curso escolar pois nos meses estivais está presente en campamentos de verán e noutras actividades culturais da Xunta. Neste sentido, explicou que no mes de xullo chegou a preto de 500 nenas e nenos e en agosto prevese que alcance a preto de 900.
A isto súmanse, engadiu a titular de Mar, os arredor de 4.200 escolares de máis de 40 centros de ensino que se beneficiaron desta campaña entre o seu inicio no mes de abril e xuño, o que suporá un alcance de máis de 5.500 despois de agosto.
A titular de Mar lembrou que esta é unha das iniciativas que forma parte do programa Aliméntate ben e que se inclúe na campaña máis ampla da Xunta GALICIA SABE AMAR, coa que o Executivo galego pretende impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía e difundir a gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores.
Ademais a conselleira subliñou que Fai clic ao teu bocata busca familiarizar dun xeito ameno e lúdico ao público de entre 5 e 16 anos coas conservas de peixes e mariscos e transmitirlles os beneficios nutricionais de incluílas na dieta. Ao mesmo tempo pretende achegarlles ás rapazas e rapaces os coñecementos das distintas especies de peixe e moluscos e ensinarlles a empregar as conservas como base en receitas sinxelas.
Esta campaña, lembrou a titular de Mar, releva á anterior iniciativa Ponlle as pilas ao teu bocata, que achegou o mundo das conservas a máis de 74.000 nenas e nenos e que foi recoñecida pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas. A outra iniciativa renovada que estreou no último curso a Consellería do Mar é Ti si que es un bo peixe, que substitúe a O sabor da aventura está no mar e coa que a Administración galega segue difundindo dun xeito ameno entre o público infantil coñecementos sobre as distintas especies de peixes e mariscos e as súas propiedades nutricionais.
Rosa Quintana salientou que este tipo de accións están adaptadas ás restricións que marca a situación derivada do coronavirus e incidiu na importancia destas iniciativas para impulsar o consumo de produtos do mar entre os máis novos.

O obradoiro de Narón

No obradoiro de Fai clic ao teu bocata no campamento de verán do concello de Narón participan arredor de 30 nenas e nenos e divídese en tres partes. Na de presentación inclúe unha charla divulgativa, dinámica e participativa con preguntas aos participantes sobre alimentación e os produtos do mar e a proxección dun vídeo animado da campaña que introduce o mundo das conservas e o dos bocadillos.
A segunda parte é a demostración da elaboración dos bocatas que inclúen conservas de produtos do mar como ingrediente principal e que serán degustados ao finalizar o obradoiro. Desta tarefa encárgase un monitor mentres se desenvolve unha charla divulgativa sobre os diferentes produtos do mar que se poden atopar en conservas, o seu método de captura ou cultivo e como se preparan para a súa conservación.
Na terceira e última actividade avalíanse entre os participantes, a modo de xogo e mediante preguntas rápidas, os coñecementos adquiridos no obradoiro. Ao rematar a xornada entrégaselle ás nenas e nenos agasallos relacionados coa campaña.

Vídeos relacionados

Imaxes relacionadas