O presidente da Xunta mantivo unha reunión co presidente de Colombia, Iván Duque

Feijóo destaca as oportunidades mutuas de Galicia e Colombia en sectores como o pesqueiro, o naval, o contract, o TIC e o forestal

Agradece a visita de Iván Duque porque se converte na primeira dun presidente a Galicia nestes Ano Santo bienal e acepta a invitación do titular do Goberno colombiano para visitar Colombia cunha delegación económica galega

Manifesta que o obxectivo do Goberno galego é seguir internacionalizando a economía e acadar, en 2025, 8.000 empresas exportadoras e así chegar aos 25.000 M€ de exportacións anuais
 

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou as oportunidades mutuas de Galicia e Colombia en sectores como o pesqueiro, o naval, o contract, o TIC e o forestal. Fíxoo tras a reunión que mantivo no Pazo de Raxoi co presidente de Colombia, Iván Duque.

Durante a súa intervención, Feijóo salientou a experiencia galega no sector naval, que xa ten traballado co país colombiano, e puxo aos estaleiros e empresas de Galicia a disposición do Goberno de Colombia, do mesmo xeito que no eido do contract, no que compañías galegas xa teñen desenvolvido proxectos de relevancia. No que se refire ao sector TIC, puxo como exemplo a tecnoloxía sanitaria galega, con iniciativas como a historia clínica, a receita electrónica ou a tarxeta sanitaria, nas que o Goberno de Colombia amosou o seu interese.

No referido ao sector pesqueiro, o presidente sinalou as oportunidades que se poden crear entre Galicia, unha potencia da Unión Europea en pesca e conservas, e Colombia, con gran potencial neste eido por ser un país bañado polo Atlántico e o Pacífico.

Así mesmo, o titular da Xunta de Galicia lembrou as opcións de colaboración na industria forestal. Nesta liña, subliñou que se trata dunha industria importante na nosa comunidade e que se poden crear sinerxías agora que Colombia conta con moitos proxectos forestais e tamén diversas iniciativas enerxéticas renovables. Ademais, tamén abordaron no encontro as posibilidades de colaboración no eido cultural, e máis concretamente na coprodución audiovisual, así como nos intercambios universitarios.

Feijóo manifestou que o obxectivo do Goberno galego é seguir internacionalizando a economía e acadar, en 2025, 8.000 empresas exportadoras e así chegar aos 25.000 M€ de exportacións anuais. Neste sentido, subliñou que Colombia ocupa xa o oitavo posto nas exportacións que Galicia realiza a América Latina.

Para afondar en todas estas liñas de colaboración, o presidente da Xunta aceptou a invitación do titular do Goberno colombiano para visitar Colombia cunha delegación económica galega.

Xacobeo 21-22

Ademais, Feijóo quixo destacar e agradecer a visita porque se converte na primeira dun presidente a Galicia neste Ano Santo bienal, a pesar da pandemia. “Estamos moi orgullosos de telo aquí, nesta praza que é unha das máis importantes de Europa”, sinalou, salientando tamén a Galicia como un dos lugares máis importantes dos valores occidentais europeos. Así, tamén puxo de manifesto a situación xeográfica e xeoestratéxica da comunidade galega, que a converten nun dos piares onde se funde e se constrúe a ponte permanente que temos con América.

No referente á peregrinación a Santiago de Compostela, o presidente da Xunta animou ao pobo colombiano a seguir camiñando a Galicia pois Colombia é un dos vinte países do mundo desde os que máis peregrinos chegan e, no que vai de ano, xa ocupa o décimo terceiro lugar.
 

Imaxes relacionadas