A Xunta apoia a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea recibiu hoxe ás persoas beneficiarias das bolsas de formación en cooperación internacional para o desenvolvemento

Catro da persoas bolseiras terán como destino as Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento na República Dominicana, Guatemala, O Perú e Mozambique e as dúas restantes estarán na sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, recibiu hoxe ás seis persoas beneficiarias das bolsas de formación da Cooperación Galega, que teñen como obxectivo principal apoiar a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento, coa finalidade de complementar a formación académica con estadías nas unidades de cooperación no exterior da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento ou na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

As persoas bolseiras participaron nunha xornada con persoal técnico da Dirección Xeral antes de partir aos seus destinos no exterior, na que recibiron información sobre as liñas de traballo da Cooperación Galega, os proxectos que se están a financiar e que poderán visitar na súa estadía en terreo así como cuestións prácticas das bolsas.

Catro das persoas bolseiras incorporaranse proximamente ás Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento na República Dominicana, Guatemala, O Perú e Mozambique, todos eles países prioritarios da Cooperación Galega segundo o establecido no IV Plan Director 2018-2021. Os dous bolseiros restantes realizarán a súa formación na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, en Santiago de Compostela.

Durante a xuntanza, o director xeral destacou a utilidade deste instrumento para facilitar ás persoas bolseiras unha formación especializada no eido da cooperación internacional para o desenvolvemento, o beneficio que supón para a Administración e o sector no seu conxunto, por ser un investimento que terá un retorno a medio e longo prazo para todo o sistema de cooperación e pola importancia de reforzar a relación entre a Xunta de Galicia e outras institucións nas que se desenvolven as bolsas.

As actividades destinadas á formación de persoal especializado constitúen unha tarefa básica que a Xunta leva a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación, sendo o apoio á formación e capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación unha das liñas de actuación recollidas no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021.

Imaxes relacionadas