A Xunta fixa uns investimentos iniciais por 13,3 M€ para as comarcas do Condado e A Paradanta no proxecto dos orzamentos autonómicos 2022
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informa das contas para as bisbarras, que inclúen a mellora da PO-403, a depuradora e o obradoiro de emprego en Ponteareas, a planta de tratamento de residuos de Arbo, o GES da Cañiza e a ciclovía e a rehabilitación do CEIP Felipe Borbón de Salvaterra, entre outras
“A Xunta é a administración que máis inviste, de longo, nestas bisbarras do interior e ademais as actuacións deseñadas apostan polas infraestruturas, o abastecemento e o saneamento, o medio ambiente, a educación e o emprego”, manifesta
A Xunta de Galicia vén de fixar uns investimentos iniciais de 13.357.782 euros para as comarcas do Condado e A Paradanta no proxecto de Orzamentos 2022, segundo informou hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que considera que estas achegas “serán fundamentais para o desenvolvemento e o progreso desta contorna do interior da provincia”.
“O punto de partida para O Condado e A Paradanta por parte da Xunta xurde do noso compromiso con estas bisbarras e está fixado en máis de 13 millóns de euros, unha contía que vaise ampliar con total seguridade a través dos plans, convenios, ordes de axudas ou novos proxectos que xurden ao longo do ano”, manifestou o representante autonómico.
Luis López recalcou que a Xunta “é a institución que máis inviste, de longo, nestas dúas comarcas e ademais as actuacións deseñadas abranguen todos os ámbitos necesarios para a cidadanía, apostando polas infraestruturas viarias, o abastecemento e o saneamento, o medio ambiente, a educación, a empresa e o emprego”.
O delegado territorial salientou que as principais actuacións céntranse na corrección do Tramo de Concentración de Accidentes (TCA) na PO-403, o cofinanciamento da depuradora ou o obradoiro de emprego en Ponteareas, a planta de tratamento de residuos de Arbo, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Cañiza, o solo empresarial das Neves e a ciclovía a Monçao ou a rehabilitación do CEIP Felipe Borbón en Salvaterra.
“Os principais investimentos, por contía ou singularidade, superan os 8 millóns de euros, pero as contas da Xunta tamén contemplan de xeito específico para O Condado e A Paradanta outras actuacións en instalacións deportivas, novas tecnoloxías, silvicultura, limpeza de montes e desbroces, obras educativas, transporte ou dixitalización no ensino ata alcanzar os citados 13 millóns”, significou o delegado territorial.
Principais investimentos 2022 no Condado e A Paradanta | ||
Ponteareas | Mellora do TCA na PO-403 | 650.000 |
Salvaterra | Ciclovía Salvaterra-Monçao | 400.000 |
Arbo | Abastecemento integral | 825.001 |
Ponteareas | Estación Depuradora de Augas Residuais | 468.000 |
Mondariz-Balneario | Bens culturais de uso social | 263.033 |
As Neves | Loita contra Plagas | 1.227.732 |
As Neves | Solo Empresarial | 172.000 |
Arbo | Planta de Transferencia de Residuos | 1.250.000 |
Salvaterra | Rehabilitación do CEIP Felipe Borbón | 784.453 |
Ponteareas | Obradoiro de Emprego | 208.000 |
A Cañiza | Grupo de Emerxencias Supramunicipal | 1.150.000 |