O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o de Sanidade asistiron na Cidade da Cultura á clausura deste encontro internacional no marco do Xacobeo 21-22

A Xunta agradece aos expertos participantes en “Carta de Santiago” as suas achegas para afrontar os retos da sociedade poscovid

Este foro internacional, organizado polo Goberno galego en colaboración coa Fundación Paideia Galiza, reuniu no Gaiás a 40 especialistas en ciencia, cultura, medio ambiente ou cambio social

O titular de Cultura do Goberno galego animou a que as conclusións deste encontro, que se plasmarán nun documento, “sirvan como folla de ruta para comezar a definir a dirección que debemos tomar como sociedade”.

O programa pechou coa conferencia de María Neira, directora do Departamento de Saúde Pública da OMS, que se conectou en directo con ‘Carta de Santiago’ a través dunha proxección holográfica desde Glasgow, onde asiste á COP26

O evento foi seguido por arredor de 2.000 asistentes, ben presencialmente, ben a través da súa retransmisión en streaming

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiron hoxe no Gaiás á conferencia de María Neira, directora do Departamento de Saúde Pública da Organización Mundial da Saúde (OMS), que pechou o programa do foro internacional Carta de Santiago: diálogos para unha sociedade do futuro. O encontro, organizado pola Xunta en colaboración coa Fundación Paideia Galiza, reuniu no Gaiás durante tres días a 40 expertos internacionais en ciencia e tecnoloxía, cultura e artes, economía, medio ambiente ou cambio social para debater e reflexionar sobre os desafíos globais que afronta a nosa sociedade.

Pese a ter que facelo a distancia desde Glasgow –onde asiste á Conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático– a representante da OMS conectou con Santiago de Compostela a través dunha proxección holográfica para poder participar en Carta de Santiago. Na súa intervención, a especialista en saúde pública animou a “loitar para que en Glasgow se tomen decisións reais e non se fagan só anuncios publicitarios” e demandou tamén un compromiso para “deixar de empregar o planeta como vertedoiro”, advertindo que “os compoñentes do lixo electrónico que estamos a xerar rematan no noso cerebro”.

O titular de Cultura do Goberno galego, encargado de clausurar o evento, destacou que Carta de Santiago “non se concibe como un simple encontro entre algúns dos expertos máis destacados nos seus campos, senón que é unha monumental posta en común de ideas que respondan aos desafíos da nova realidade pospandémica”. Así, o conselleiro aludiu ao espírito do foro como “reafirmación da nosa natureza social, da nosa vontade colectiva de sumar voces diversas que artellen unha ollada e uns valores globais de universalidade, consenso, solidariedade, coñecemento e sustentabilidade, os mesmos que están presentes no espírito Xacobeo”.

O representante da Xunta de Galicia lembrou tamén na súa intervención que “a despedida que hoxe se lle dá de maneira oficial á Carta de Santiago non significa a súa conclusión”, aludindo a que as reflexións e conclusións destes tres días de debate plasmaranse nun “documento que sirva como folla de ruta para comezar a definir a dirección que debemos tomar como sociedade”.

Tecnoloxías intelixentes e humanismo

Temas como a biopolítica, a relación entre ciencia e humanismo ou entre intelixencia artificial e saúde, estiveron moi presentes no debate desta derradeira xornada do evento. O director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, Senén Barro, lembrou que hoxe en día “os cálculos que fai o supercomputador máis potente do mundo por segundo equivalerían aos que tería que facer toda a humanidade traballando dous anos, 24 horas ao día” ao tempo que apostou por "unha intelixencia artificial confiable, pero tamén rendible economicamente".

O ex reitor da universidade compostelá e catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial conversou con Bibiana Campos, editora xefa da revista da Asociación Americana de Química, con máis de 150.000 subscritores, e con César de La Fuente, biotecnólogo e profesor da Universidade de Pennsilvania recoñecido polo MIT como un dos científicos novos máis innovadores.

No eido das tecnoloxías éticas e sociais, o filósofo Daniel Innerarity, Premio Nacional de Ensaio, sinalou que se ten avanzado moi pouco en analizar o impacto da intelixencia artificial na política, advertindo de que “sería un erro enorme deixar que Siri ou Alexa tomasen decisións políticas fundamentais”. A emprendedora e científica Luz Rello, recoñecida co Premio Fundación Princesa de Girona polo seu traballo en apoio das persoas con dislexia, lembrou pola súa banda que “as Humanidades son necesarias no desenvolvemento de algoritmos que non caian nos nosos nesgos”.

Reflexión e debate sobre a sociedade do futuro

Carta de Santiago erixiuse como un dos principais eventos de reflexión no marco do Xacobeo 21-22. Este encontro internacional congregou en Santiago de Compostela a representantes da Organización Mundial da Saúde e a OCDE, científicos recoñecidos polo MIT, Cambridge ou Harvard, premios de ensaio, divulgación ou emprendemento social, para presentar nesta cita ideas e propostas innovadoras, convertendo así a capital galega en protagonista do debate arredor da sostibilidade. O encontro congregou a arredor de 2.000 asistentes, dos que máis de 600 o seguiron de xeito presencial na Cidade da Cultura, ademais de sumar máis de 1.200 visualizacións a través da súa retransmisión por streaming.

Imaxes relacionadas