O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias presentou esta maña en San Caetano dita aplicación informática a diversas entidades de aconsellamento

A Xunta explica ás entidades de aconsellamento as posibilidades de Conta Láctea para mellorar a posición negociadora dos gandeiros sobre os prezos do leite

Esta aplicación informática, creada polo Goberno galego xunto coa Fundación Juana de Vega ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo, está concibida tamén para facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras

José Balseiros insistiu en trasladar a preocupación da Xunta pola falla de compromiso do Goberno Central co sector primario en xeral e cos gandeiros en particular, algo que se pon de manifesto coa súa escasa contundencia para frear a venda a perdas

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado por José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, informou hoxe a diversas entidades de aconsellamento sobre a nova Conta Láctea. Na xuntanza explicouse o funcionamento e as utilidades desta aplicación informática, creada pola Xunta en colaboración con esta fundación, para calcular os custos de produción das explotacións leiteiras.
Así, José Balseiros destacou que a principal finalidade da aplicación é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros diante dos primeiros compradores de leite. Para acadar estes obxectivo, a aplicación -creada ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo- permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.
Outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos resultados obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para empregarse por parte dos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.
A presentación de hoxe forma parte do calendario previsto pola Consellería do Medio Rural para explicar o contido e alcance de Conta Láctea aos gandeiros galegos. Así, en vindeiras datas está previsto continuar esta rolda de contactos noutros puntos de Galicia, especialmente naquelas comarcas de maior vocación leiteira.

Lei da cadea alimentaria

O director xeral aproveitou para trasladar a preocupación da Xunta pola falla de compromiso do Goberno Central co sector primario en xeral e cos gandeiros en particular, unha actitude que se pon de manifesto coa súa escasa contundencia para frear a venda a perdas neste ámbito produtivo. Así, Balseiros lamentou a aprobación do proxecto de lei da cadea alimentaria cos votos a favor do grupo maioritario no Goberno, tras rexeitar, entre outras, a emenda presentada para incorporar nesta norma a aplicación Conta Láctea como forma de acreditación do custo efectivo de produción.
Ademais, e co fin de garantir o cumprimento da prohibición da venda a perdas nas relacións nas que interveñan os operadores primarios, José Balseiros insistiu na necesidade de activar controis específicos por parte da Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA).
O acceso a Conta Láctea pódese facer a través da páxina web de Medio Rural, no seguinte enlace: https://www.contalactea.gal/pladel/.

Imaxes relacionadas