A Xunta abre unha consulta para que as empresas realicen as súas manifestacións de interese e avaliar a posta en marcha de novos espazos industriais compartidos

Feijóo incide no propósito de deseñar axeitadamente unha liña de axudas para apoiar esas iniciativas cun orzamento estimado de 10 millóns de euros

Fai fincapé en que hai tres anos se abriu xa unha primeira consulta froito da cal se recibiron 26 manifestacións de interese válidas e, tras convocar posteriormente a orde de axudas, se apoiaron 7 proxectos de ámbitos moi diversos

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta abrirá unha consulta para que as empresas realicen as súas manifestacións de interese e avaliar a posta en marcha de novos espazos industriais compartidos.

Trátase, segundo afirmou Feijóo, “dunha invitación aberta a todas as empresas de todo tipo e tamaño e a operadores como asociacións e clústers” co obxectivo de promover a implantación de fábricas compartidas, centros loxísticos e espazos especializados; incentivar os investimentos que redunden na sustentabilidade e coñecer as súas prioridades.

Ademais, o presidente da Xunta incidiu no propósito de “deseñar axeitadamente unha liña de axudas para apoiar esas iniciativas cun orzamento estimado de 10 millóns de euros”.

Feijóo fixo fincapé en que hai tres anos se abriu xa unha primeira consulta froito da cal se recibiron 26 manifestacións de interese válidas, o que contribuíu ao deseño da posterior convocatoria de orde de axudas coa que se apoiaron 7 proxectos de ámbitos moi diversos.

Foron, en concreto: 4,82 millóns de euros para o desenvolvemento dun centro de servizos avanzados na Cidade das TIC da Coruña; 4,3 M€ para o Centro Loxístico da automoción no Porriño; 4 millóns para o Centro Biotecnolóxico do Tambre en Santiago; 2,5 M€ para a Agrupación de Cooperativas Lácteas; 2,4 millóns de euros para a planta piloto de Inleit en Curtis; 2 M€ para o Centro Galego de Tratamentos Térmicos do Aceiro en Narón e 370.000 euros para o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC en Vilagarcía.

Imaxes relacionadas