O conselleiro do Medio Rural presidiu a entrega dos premios das Catas dos Queixos e dos Meles 2021, no marco da I Mostra de Calidade Alimentaria que se clausurará esta tarde

A Xunta pon os queixos e meles distinguidos nas Catas de 2021 como exemplos de que Galicia etiqueta calidade

José González facía alusión así á nova campaña impulsada polo Goberno galego, para divulgar o bo facer da xente do mar e do agro da nosa comunidade

Nas catas dos queixos participaron 30 queixerías das catro denominacións de orixe protexida con 51 mostras, mentres na dos meles concursaron 25 industrias con 43 rexistros acollidos á indicación xeográfica protexida Mel de Galicia

Boqueixón (A Coruña), 17 de decembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a entrega dos premios da XXIV Cata dos Queixos e da XX Cata dos Meles de Galicia. Alí, puxo os produtos distinguidos como exemplo de que Galicia etiqueta Calidade, en alusión á nova campaña da Xunta para divulgar o bo facer da xente do mar e do agro que se deu a coñecer onte mesmo, tamén no marco da I Mostra de Calidade Alimentaria que se clausurará esta tarde no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón.

Na súa intervención, o titular de Medio Rural sinalou que o mel é o acompañante perfecto do queixo, dous alimentos tan senlleiros como saborosos, que merecen -dixo- un recoñecemento polo traballo realizado a prol da diferenciación, da singularidade e da calidade. Felicitando aos gañadores e gañadoras polo seu saber facer e pola súa profesionalidade, José González agradeceulles ao tempo o seu labor de dinamización no rural. Un labor que -apuntou- a Xunta está a apoiar e impulsar a través de estratexias sectoriais como a do lácteo e de normativas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirá dotar a todo aquel que o demande de terra produtiva potenciando a remuda xeracional.

Nesa liña, o conselleiro referiuse tamén á Lei de calidade alimentaria, que entrará no Parlamento o vindeiro ano e que será -aseverou- a panca na que se asentará a produción de proximidade, sa, sostible e de calidade que sempre distinguiu a Galicia no ámbito gastronómico. Por último, José González convidou aos asistentes a visitar a “gastroneta” da Axencia Galega da Calidade Alimentaria emprazada na Mostra, cunha representación de diversos produtos da despensa da nosa comunidade.

As Catas dos Queixos e dos Meles 2021 están organizadas pola Xunta en colaboración cos diferentes consellos reguladores da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e das catro denominacións queixeiras de Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro. Cómpre lembrar que nesta edición do certame se presentaron 51 mostras de 30 queixerías e outros 43 rexistros de 25 industrias de mel galego.

Come atlántico



A I Mostra de Calidade Alimentaria clausurarase esta tarde co evento Come atlántico, que dará comezo ás 16,30 h. Así, a esa hora terá lugar unha conferencia sobre as fortalezas da Dieta Atlántica, a súa adaptabilidade ás diferentes necesidades nutritivas e o seu futuro dentro da promoción dos produtos de calidade alimentaria de Galicia.

Posteriormente, ás 17,30 horas, está prevista unha degustación de produtos con acompañamento musical para os asistentes.

Imaxes relacionadas